SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DE INFRAVIVENDA DO PLAN RehaVIta: PLAN GALEGO DE REHABILITACIÓN, ALUGAMENTO E MELLORA DE ACCESO Á VIVENDA 2015-2020. PRAZO: PENDENTE CONVOCATORIA.

 

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Código de procedemento VI406A.

Obxecto 

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar con carácter urxente ás unidades de convivencia que residan, en condicións de propietarias, nunha infravivenda e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.

Así mesmo, estas subvencións terán por obxecto permitir aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes rehabilitar infravivendas do seu patrimonio municipal que se encontren en mal estado de conservación para destinalos a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nesta orde.

Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística á data da publicación da correspondente convocatoria.

b) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, no que o seu prazo de presentación estivese vencido.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Actuacións subvencionables

Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e vivendas, co obxecto de que estas acaden unhas mínimas condicións de habitabilidade.

En concreto, serán subvencionables con cargo a este programa as actuacións que teñan por obxecto:

– A reforma ou rehabilitación de elementos exteriores.

– A mellora das condicións estruturais e de seguranza.

– A mellora da accesibilidade da edificación ou das vivendas.

– A mellora da habitabilidade. Dentro destas últimas, será subvencionable a execución de obras que eviten a entrada no edificio do gas radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

Requisitos das actuacións

1. Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:

– Que, segundo informe municipal emitido para o efecto, a edificación ou vivenda non reúna as condicións mínimas de habitabilidade.

– Que todas as actuacións a realizar se axusten á normativa técnica e urbanística en vigor e cumpran a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.

– Que as actuacións subvencionables non estean iniciadas no momento da presentación da solicitude.

2. O prazo de execución das obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

3. O custo total das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén será subvencionables os gastos xerais de estrutura que incidan sobre o contrato, de conformidade co artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e beneficio industrial. Así mesmo, no custo total das actuacións incluiranse gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

4. Na execución das actuacións que afecten fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Contía da axuda

As axudas aos concellos para as actuacións sinaladas poderán acadar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 15.000 euros por vivenda rehabilitada.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria e, en todo caso, ata o esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que será publicada no DOG, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Descargas: