SUBVENCIÓNS DESTINADAS AO FINANCIAMENTO DE PLANS DE FORMACIÓN DAS ENTIDADES LOCAIS DE GALICIA 2018, NO MARCO DO ACORDO DE FORMACIÓN PARA O EMPREGO DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS. PRAZO: 14-06-2018

Data: 

martes, 15 Maio, 2018 (Todo o día) a xoves, 14 Xuño, 2018 (Todo o día)

 

Escola Galega de Administración Pública 

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2018, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas. BDNS (Identif.): 397047.

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e efectuar a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais de Galicia no marco do Afedap (PR780A).

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias da liña en réxime de concorrencia competitiva das subvencións convocadas, os concellos, as deputacións provinciais e demais entidades locais recoñecidas no artigo 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, que promovan plans de formación para o persoal empregado público, de carácter unitario ou agrupado, dentro do ámbito do Afedap.

De conformidade co establecido no artigo 6, segundo parágrafo do Afedap, só poderá ser beneficiaria da liña en réxime de concorrencia non competitiva das subvencións convocadas a Federación Galega de Municipios e Provincias.

Actividades obxecto de financiamento

As entidades promotoras recollidas na base quinta desta resolución poderán solicitar subvencións para financiar os seguintes tipos de plans:

1. Plans unitarios: caracterízanse por afectar o persoal dunha soa entidade local con, polo menos, 200 efectivos.

2. Plans agrupados: son aqueles que afectan o persoal de dúas ou máis entidades locais que agrupen, polo menos, 200 efectivos. Poderán ser formulados ben polas propias entidades locais das cales dependa o persoal ou ben por federacións ou asociacións de entidades locais. En todo caso, cada entidade local só poderá participar nun único plan agrupado.

3. Plans interadministrativos: son aqueles destinados non só ao persoal da Administración promotora, senón tamén aos/ás empregados/as públicos/as doutras administracións. Estes plans só poderán ser elaborados pola Federación Galega de Municipios e Provincias, segundo o establecido no artigo 6, segundo parágrafo do Afedap, de acordo coa redacción que se deriva da corrección de erros publicada no Boletín Oficial del Estado núm. 8, do 9 de xaneiro de 2014.

Os plans interadministrativos terán o 24 por cento dos fondos asignados e os unitarios e agrupados o 76 por cento.

Financiamento. Liñas de subvencións 

A asignación para as subvencións obxecto desta convocatoria para o exercicio 2018 establécese en 410.841 euros.

Esta resolución, segundo o principio de economía procedimental, inclúe dúas liñas de subvencións, unha en réxime de concorrencia competitiva e outra en réxime de concorrencia non competitiva, coa mesma causa, isto é, o financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais de Galicia.

O importe distribúese do seguinte xeito:

- Liña en concorrencia competitiva (Aplicación orzamentaria: 05.80.122B.460.1) cun importe de 312.239 €, destinado ás entidades locais que presenten plans de formación unitarios e/ou agrupados.

- Liña en concorrencia non competitiva (Aplicación orzamentaria: 05.80.122B.481.0) cun importe de 98.602 €, destinado ás entidades que presenten plans de formación interadministrativos.

Prazo

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse exclusivamente por vía electrónica, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os formularios de solicitude están dispoñibles no enderezo https://fedap-galicia.inap.es/ e na páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal) e é preciso que a promotora estea previamente rexistrada no portal Fedap.

Descargas: