CANCELADA - SUBVENCIÓNS A CONCELLOS DECLARADOS MUNICIPIOS TURÍSTICOS E A XEODESTINOS DE GALICIA PARA A CONTRATACIÓN DE PERSOAL NAS OFICINAS DE TURISMO.

Data: 

mércores, 12 Febreiro, 2020 (Todo o día) a mércores, 11 Marzo, 2020 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia 

Resolución do 2 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos declarados municipios turísticos e a xeodestinos de Galicia para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU900A). BDNS (Identif.): 494946.

Obxecto 

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto, en réxime de concorrencia non competitiva, a contratación de persoal nas oficinas de turismo dos concellos declarados municipios turísticos galegos e dos xeodestinos durante os meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro.

Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que conten coa declaración de municipios turísticos galegos.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarios destas subvencións os 18 xeodestinos e subxeodestinos descritos no mapa oficial de xeodestinos de Galicia publicado pola Axencia Turismo de Galicia, que deberán estar representados por algunha das seguintes entidades:

– Mancomunidades e consorcios locais de Galicia constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.

– Agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención aplicable por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponden á agrupación.

Financiamento, concorrencia e gastos subvencionables

1. As subvencións obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.460.0, proxecto 2015 00006, cun crédito de 450.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de incoación dos expedientes.

2. As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 7.000 € por entidade beneficiaria, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os citados gastos non acaden os 7.000 €, a contía da axuda será, como máximo, o importe dos gastos.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados entre o 15 de maio e o 30 de setembro de 2020.

Terá a consideración de gasto subvencionable a contratación de persoal para prestar servizos de información turística nas oficinas de turismo do concello ou entidade solicitante, entre o 15 de maio e o 30 de setembro de 2020. Nestes gastos inclúense os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada.

En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias nin derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os pague efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

4. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Descargas: