SUBVENCIÓNS DE PROGRAMAS PARA A INCLUSIÓN SOCIAL DA POBOACIÓN XITANA, INMIGRANTE E OUTRAS PERSOAS EN RISCO DE EXCLUSIÓN. PRAZO: 22-07-2015

Data: 

martes, 23 Xuño, 2015 (Todo o día) a mércores, 22 Xullo, 2015 (Todo o día)

 

Consellería de Traballo e Benestar 

ORDE do 12 de xuño de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións de programas desenvolvidos polas corporacións locais para a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2015, cofinanciada polo Fondo Social Europeo 2007/2013.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular as bases polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás corporacións locais para o cofinanciamento de programas desenvolvidos polos servizos sociais de titularidade municipal dirixidos á inclusión sociolaboral de colectivos de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral e proceder á súa convocatoria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo 2007/2013.

Para os efectos desta orde terán a consideración de colectivos de elevada vulnerabilidade os perceptores de rendas mínimas, persoas pertencentes a colectivos con dificultades de integración social como a comunidade xitana e a poboación inmigrante extracomunitaria residente en Galicia.

Estas accións son elixibles no marco do programa operativo FSE Galicia 2007/2013 do eixe 2, temas prioritarios 70 e 71 e cunha cofinanciación do FSE ao 80 %.

Entidades solicitantes

1. Poderán solicitar as subvencións que se regulan nesta orde as corporacións locais galegas que desexen implantar ou desenvolver o programa mencionado no artigo anterior.

Enténdense incluídas no punto anterior as mancomunidades de concellos e agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, incluída a de fusión municipal.

Non obstante o anterior e en relación con aquelas solicitudes presentadas por calquera forma de agrupación de concellos, quedarán expresamente excluídas aquelas solicitudes nas cales non se acredite a realización conxunta do programa. Para estes efectos, considerarase que non queda suficientemente acreditado este punto cando os usuarios participantes do programa estean empadroados nun único concello dos integrantes da dita agrupación ou o servizo a estes non se preste a través dun único dispositivo. Esta última característica non será aplicable no caso de programas de natureza inequívoca e exclusivamente formativa.

En todo caso, a solicitude conxunta de subvención para o desenvolvemento dun servizo ou programa exclúe a posibilidade de solicitude individual para o mesmo programa.

2. En calquera caso, as corporacións locais solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

2.1. Estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

2.2. Aquelas corporacións locais solicitantes dun programa en favor da poboación inmigrante deberán acreditar a emisión de informes de arraigamento social e vivenda axeitada, que a lexislación en materia de estranxeiría (Regulamento da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social) establece no ámbito da Comunidade Autónoma galega, así como unha porcentaxe mínima de poboación inmigrante extracomunitaria empadroada segundo as seguintes regras:

Concellos: superar o 2,5 % de poboación inmigrante extracomunitaria sobre a poboación total do concello e ter como mínimo empadroadas no concello máis de 100 persoas inmigrantes extracomunitarias. No caso de non superar o 2,5 % de poboación inmigrante extracomunitaria, débese ter como mínimo empadroadas no concello máis de 1.000 persoas inmigrantes extracomunitarias.

Consorcios locais e mancomunidades: superar o 2,5 % de poboación inmigrante extracomunitaria o 50 % dos concellos que integran as ditas entidades e ter de media o consorcio ou a mancomunidade máis de 450 persoas inmigrantes extracomunitarias.

Agrupacións de concellos: superar o 2 % de poboación inmigrante extracomunitaria o 50 % dos concellos agrupados, e ter de media a agrupación máis de 300 persoas inmigrantes extracomunitarias.

O cálculo da poboación inmigrante farase tendo en conta a poboación total e poboación inmigrante extracomunitaria empadroada no ano anterior ao da correspondente resolución de convocatoria.

Os solicitantes deberán manter os requisitos exixidos durante todo o exercicio económico para o cal se concede a subvención, agás a porcentaxe de poboación sobre a poboación total empadroada.

No caso de que o solicitante sexa unha agrupación de concellos, o requisito exixido de emisión de informes de arraigamento social e vivenda axeitada enténdese referido aos concellos que compoñen a dita agrupación.

2.3. As corporacións locais solicitantes dun programa dirixido a inclusión social de persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia (Risga), ademais do establecido no artigo 3.1 e 3.2.1, non poderán dispoñer para o seu termo municipal doutros dispositivos de natureza pública distintos dos propios dirixidos ao desenvolvemento dun programa cuxo contido sexa o deseño e realización de itinerarios personalizados de inclusión social dirixidos a persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia.

Financiamento

Na concesión das subvenciones reguladas nesta orde destínase os importes sinalados a seguir que figuran na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2015.

APLICACIÓN ------------------------ IMPORTE

11.05.312C.460.0 ------------------ 306.652,00 €

11.05.313C.460.1 ------------------ 505.701,00 €

11.05.313C.460.2 ------------------ 924.130,00 €

TOTAL --------------------------------- 1.736.483,00 €

As contías citadas neste artigo poderán incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e sempre que o incremento se derivase dos supostos contidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A este respecto, poderá incrementarse crédito procedente do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade nos programas dirixidos a inclusión social da comunidade xitana.

A distribución dos créditos dispoñibles entre os diferentes tipos de subvención farase do seguinte xeito:

Programas dirixidos á inclusión social da comunidade xitana: 650.000,00 euros.

Programas dirixidos á inclusión social da poboación inmigrante: 306.652,00 euros.

Programas dirixidos á inclusión social de persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia (Risga): 779.831,00 euros.

De non esgotarse todo o crédito destinado a unha tipoloxía de subvención poderá ser utilizado no resto das tipoloxías, sempre que se respecten os principios de elixibilidade que establezan os fondos financiadores das ditas axudas.

Prazo

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 1161.54 MB