SUBVENCIÓNS A CONCELLOS DECLARADOS MUNICIPIOS TURÍSTICOS, PARA A CONTRATACIÓN DE PERSOAL NAS OFICINAS DE TURISMO NOS MESES DE XUÑO, XULLO, AGOSTO E SETEMBRO. PRAZO: 27-02-2016

Data: 

xoves, 28 Xaneiro, 2016 (Todo o día) a sábado, 27 Febreiro, 2016 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos declarados municipios turísticos, para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Obxecto e réxime das subvencións

1.As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a contratación de persoal nas oficinas de turismo dos concellos declarados municipios turísticos galegos durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

O dito persoal poderá contratarse no período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, ambas as dúas datas incluídas.

Será requisito indispensable que o concello conte coa declaración de municipio turístico galego regulada no Decreto 32/2015, do 19 de febreiro, polo que se regula a declaración de municipio turístico (DOG núm.41, do 2 de marzo).

O persoal que se contrate deberá estar en posesión dalgún dos seguintes títulos: técnico superior en información e comercialización turística ou técnico superior en guía, información e asistencia turística; técnico en empresas e actividades turísticas, ou grao ou diplomado/a en turismo ou equivalente homologado.

Como medida de fomento do emprego, o persoal que se contrate deberá figurar como desempregado no Servizo Público de Emprego de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados entre o 15 de xuño e o 15 de setembro de 2016.

4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os pague efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que conten coa declaración de municipios turísticos galegos.

2. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do concello.

Financiamento e concorrencia

1. As subvencións obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.460.0, proxecto 2015 00006, cun crédito de 250.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de incoación dos expedientes.

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2016.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto na alínea 1 deste artigo e, por tanto, a concesión das subvencións, queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2016 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

2. As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 5.200 euros por entidade beneficiaria, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os citados gastos non acaden os 5.200 euros, a contía da axuda será como máximo o importe dos gastos.

Considéranse gastos subvencionables a contratación de persoal para prestar servizos de información turística nas oficinas de turismo do concello solicitante, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro. Nestes gastos inclúense os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada.

3. Nestas axudas é posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 17776.13 KB