PROGRAMA DE REXENERACIÓN E RENOVACIÓN URBANAS DO PLAN ESTATAL DE FOMENTO DO ALUGAMENTO DE VIVENDAS, A REHABILITACIÓN EDIFICATORIA E A REXENERACIÓN E RENOVACIÓN URBANAS, 2013-2016. PRAZO: 17-04-2015

Data: 

mércores, 18 Marzo, 2015 (Todo o día) a venres, 17 Abril, 2015 (Todo o día)

 

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 9 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016.

Obxecto e finalidade

1. O obxecto destas bases é desenvolver a implantación na Comunidade Autónoma de Galicia do Programa de rexeneración e renovación urbana do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, aprobado polo Real decreto 233/2013.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante IGVS) conforme o previsto no artigo 6.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As bases reguladoras terán vixencia ata o 31 de decembro de 2016, data en que remata o Plan estatal 2013-2016.

Procedemento xeral

De acordo co previsto no artigo 3.6 do Real decreto 233/2013 e no convenio de colaboración asinado entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia o 5 de setembro de 2014, é preceptiva a celebración de acordos previos específicos, entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia coa participación dos concellos en que se vaia actuar e que ademais conten cunha área de rehabilitación integral (en diante ARI) declarada no seu termo municipal. Con base no exposto establécese o seguinte procedemento:

a) Os concellos que teñan declarada algunha ARI no seu termo municipal poderán solicitar participar no Programa de rexeneración e renovación urbana que se resolverá no seo da Comisión Bilateral de Seguimento do Plan 2013-2016.

b) Os concellos que asinen os correspondentes acordos específicos procederán a publicar unha convocatoria en réxime de concorrencia para a concesión de subvencións aos promotores das actuacións de rehabilitación no ámbito concreto de cada ARI declarada.

Participación dos concellos no programa

Os concellos remitirán á Dirección Xeral do IGVS unha solicitude para participar no Programa de rexeneración e renovación urbana xunto coa seguinte documentación:

a) A prevista no artigo 27.3 do Real decreto 233/2013 e segundo a orde alí establecida.

b) Establecer as prioridades de execución que se propoñan de acordo co establecido no artigo 27.2 do Real decreto 233/2013.

c) Resume o valorado das actuacións previstas, os seus custos de execución, achegas previstas polos axentes que van intervir no proceso de financiamento previsto por anualidades.

d) Acreditación de contar co instrumento previsto no artigo 30.1 do Real decreto 233/2013.

e) Solicitude do concello de actuar como entidade xestora das actuacións, logo da sinatura do acordo.

Admitirase a participación dun concello que presente ademais da documentación anterior, solicitude de declaración dunha nova área de rehabilitación de acordo co previsto no artigo 95 de Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e no Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O IGVS remitirá esta documentación ao Ministerio de Fomento para a súa conformidade e posterior sinatura dos acordos específicos en atención ás súas dispoñibilidades orzamentarias e aos criterios establecidos no artigo 27 do Real decreto 233/2013.

O acordo específico que se asine posibilitará que o respectivo concello actúe como órgano xestor das actuacións e establecerá o financiamento máximo previsto en cada área de rehabilitación, as súas anualidades de financiamento así como os demais compromisos que se asumirán.

Requisitos específicos do programa

a) Actuacións subvencionables:

Execución de obras en edificios e vivendas segundo o previsto no artigo 26.1.a) do Real decreto 233/2013.

Execución de obras no medio urbano segundo o previsto no artigo 26.1.b) do Real decreto 233/2013.

Execución de obras de demolición e edificación de vivendas de nova construción segundo o previsto no artigo 26.1.c) do Real decreto 233/2013.

Realoxo temporal de ocupantes legais segundo o previsto no artigo 26.2.a) do Real decreto 233/2013.

Mantemento de equipos técnicos e oficinas de información e xestión segundo o previsto no artigo 26.2.b) do Real decreto 233/2013.

b) Orzamento protexido.

Constitúe o orzamento protexido da actuación o custo total de todas as actuacións que se subvencionen segundo o previsto no artigo 26.3 do Real decreto 233/2013, que non poderá superar os custos medios de mercado que a tales actuacións correspondan.

c) Edificabilidade.

No ámbito de actuación polo menos un 60 % da edificabilidade sobre rasante deberá ter como destino o uso residencial de vivenda habitual.

d) O ámbito deberá de cumprir o previsto no artigo 27.1.a) do Real decreto 233/2013.

e) Os edificios de vivendas incluídos nun ámbito deberán contar co correspondente informe de avaliación segundo o establecido na disposición transitoria primeira, 1 b) da Lei 8/2013, do 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbana e no artigo 21.1.a) do Real decreto 233/2013.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as que reúnan os requisitos establecidos nos artigos 6.2 e 28.1 do Real decreto 233/2013.

Os concellos poderán obter as subvencións previstas por equipos de información e, se executan actuacións de urbanización, as previstas para estas actuacións.

2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, na súa normativa de desenvolvemento ou no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións.

3. As persoas interesadas ao formalizar unha solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que cada concello estableza na convocatoria así como aos demais requisitos que se establezan nesta orde e demais normativa reguladora.

4. Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Realizar as actuacións de rehabilitación para as cales se establecen as axudas.

b) Comunicar ao órgano instrutor calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento da subvención que poida determinar a perda sobrevida do dereito á axuda.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes durante a vixencia da subvención.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Cubrir os datos necesarios para a tramitación ministerial da axuda que sexan exixibles segundo o acordo de financiamento específico asinado.

g) As demais obrigas recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 do decembro, xeral de subvencións, e da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Subvencións e contía

As subvencións do programa de rexeneración e renovación urbana poden ser:

Subvencións para actuacións de rehabilitación en edificios e vivendas.

Subvencións por actuacións de realoxo derivadas das actuacións anteriores.

Subvencións para actuacións de urbanización-reurbanización.

Subvencións para o financiamento de equipos e oficinas de planeamento, información, xestión e acompañamento social.

O tipo e contía das axudas máximas son as que se recollen no artigo 29 do Real decreto 233/2013, que serán a cargo do Ministerio de Fomento co límite do financiamento máximo previsto no convenio asinado entre o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia e que quedará establecido, para cada ARI, en termos de máximos e anualidades de financiamento no correspondente acordo específico que se asine na Comisión Bilateral de Seguimento do Plan coa participación do concello respectivo.

Solicitudes e prazo

1. Os concellos interesados en participar neste programa deberán de presentar, nun prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ante á Dirección Xeral do IGVS unha solicitude de participación e financiamento na cal se xunte toda a documentación prevista no artigo 3 desta orde e no 27 do Real decreto 233/2013 e unha certificación do seu órgano de goberno que acorde a tramitación desta solicitude e os compromisos que se asumirán.

2. Unha vez asinados os acordos de financiamento na Comisión Bilateral de Seguimento do Plan con participación dos concellos, estes como entidades xestoras, abrirán un prazo de solicitudes de subvencións, no ámbito considerado para cada área de rehabilitación.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 52557.14 KB