PROGRAMA DE FOMENTO DA REXENERACIÓN E RENOVACIÓN URBANA E RURAL DO PLAN ESTATAL DE VIVENDA 2018-2021. PRAZO: 30-07-2020

Data: 

mércores, 1 Xullo, 2020 (Todo o día) a xoves, 30 Xullo, 2020 (Todo o día)

 

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2020 pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021, se establecen as bases reguladoras das axudas previstas para este programa e se abre o prazo de participación para a anualidade 2020 (código de procedemento VI408K).

Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto regular o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural previsto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), que se tramitará co código de procedemento VI408K.

2. Así mesmo, mediante esta resolución establécense as bases reguladoras das axudas previstas para este programa.

3. Igualmente, por medio desta resolución ábrese o prazo de presentación de solicitudes de participación neste programa para a anualidade 2020.

Participación dos concellos

Poderán participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural os concellos que teñan algunha área de rehabilitación integral (en diante, ARI) declarada no seu termo municipal. Non obstante, o IGVS poderá establecer limitacións á participación dos concellos respecto das súas ARI que xa obtivesen financiamento con cargo a convocatorias anteriores deste programa no ámbito do Plan 2018-2021. De ser o caso, estas limitacións especificaranse na resolución de apertura do prazo de solicitudes de participación deste programa.

Oficinas municipais de rehabilitación

De acordo cos compromisos asumidos por cada concello nos expedientes de declaración de ARI, a Administración municipal deberá manter unha oficina de rehabilitación, para a xestión e o impulso de actuacións de rehabilitación no ámbito das áreas declaradas. Estas oficinas deberán contar cos medios humanos e técnicos suficientes para realizar as súas funcións.

Actuacións subvencionables

De conformidade co artigo 51 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, son actuacións subvencionables as seguintes:

1. As previstas no artigo 36 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, para o Programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade en vivendas, sempre que se acade unha redución da demanda enerxética, nos termos establecidos no citado artigo.

2. As previstas no artigo 43 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, para o Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas.

3. A execución de obras e/ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, mesmo no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos aos estándares previstos pola normativa vixente.

4. A execución das seguintes obras de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano:

a) As de urbanización e reurbanización material dos espazos públicos, tales como consolidación, pavimentación, xardinaría, infraestruturas, instalacións, servizos de abastecemento de auga, saneamento, subministración enerxética, iluminación, recollida, separación e xestión de residuos, telecomunicacións e utilización do subsolo.

b) As de mellora da accesibilidade dos espazos públicos.

c) As de mellora da eficiencia ambiental nas seguintes materias:

– En materia de auga, as de redución do uso de auga potable e de rega, as de xestión sustentable dos escorrementos urbanos, as augas pluviais e residuais, e as de xestión de depuración e o seu retorno adecuado ao medio.

– En materia de enerxía, as de mellora da eficiencia enerxética en edificación e en servizos urbanos, as de implantación de enerxías renovables e sistemas de climatización centralizada ou de distrito, considerados eficientes segundo a Directiva 2012/27/UE, as de fomento da mobilidade sustentable e, en xeral, todas aqueloutras destinadas a reducir a demanda enerxética, as emisións de gases contaminantes e a aumentar o uso de enerxías renovables.

– En materia de xestión de residuos e uso de materiais, as de mellora da reciclaxe dos materiais, conforme os plans nacionais ou autonómicos de recollida de residuos, as de uso tanto de materiais reciclados ou renovables en edificacións e en urbanizacións como de materiais locais, ligados a estratexias de promoción dunha xestión sustentable do territorio.

– En materia de protección e mellora da biodiversidade, as infraestruturas verdes urbanas, como as propostas de conectividade de espazos verdes, de promoción de cubertas verdes ou de implantación de especies adecuadas ao medio.

5. As obras de demolición de edificios e de vivendas e as obras de construción de edificios de vivendas e vivendas de nova construción, en substitución doutros previamente demolidos. Os novos edificios e vivendas deberán ter unha cualificación enerxética mínima B e cumprir, en todo caso, coas exixencias do Código técnico da edificación.

6. As obras de construción de edificios e de vivendas, nos supostos de infravivenda e de chabolismo. Nestes casos, a edificación farase en función das unidades de convivencia residentes e das súas características e non en substitución doutros ou doutras edificacións demolidas, co fin último de posibilitar a súa inclusión social, a través do gozo dunha vivenda digna nun contexto integrador.

7. Así mesmo, serán subvencionables:

a) Os custos dos programas de realoxamento temporal das persoas ocupantes de inmobles que deban ser desaloxadas da súa vivenda habitual ou, de ser o caso, de que ocupasen unha infravivenda ou unha chabola, como consecuencia da correspondente actuación. Inclúense tamén as actuacións de acompañamento social integral e individualizado das unidades de convivencia para favorecer a adecuada inclusión de cada un dos seus compoñentes na súa nova contorna.

b) Os gastos de equipamento e das oficinas de información, de xestión e de acompañamento social de actuacións subvencionables.

Prazo de presentación de solicitudes

Os concellos interesados en participar neste programa no ano 2020 deberán presentar a súa solicitude no prazo dun (1) mes, que se contará a partir do día seguinte hábil ao da publicación desta resolución no DOG.

Descargas: