PREMIOS CAMIÑO DE SANTIAGO 2015. PRAZO: 09-05-2015

Data: 

venres, 10 Abril, 2015 (Todo o día) a sábado, 9 Maio, 2015 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos Premios Camiño de Santiago e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

Obxecto e réxime

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios do Camiño de Santiago como un recoñecemento institucional e social ás iniciativas destinadas a conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas do Camiño de Santiago; así como aquela outras que supoñan novos servizos ou a mellora daqueles que se prestan aos peregrinos, as accións específicas de divulgación e promoción, de xeito que se contribúa a un aumento da conservación, promoción e difusión, así como a posta en valor do Camiño de Santiago, da cultura xacobea e do seu patrimonio.

En todo caso as actuacións ou accións premiadas deberán desenvolverse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os premios do Camiño de Santiago constarán das seguintes categorías:

1ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións presentadas polos concellos, as agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e as áreas metropolitanas, se as houber, todos eles da Comunidade Autónoma de Galicia e polos que discorra calquera das rutas do Camiño de Santiago.

2ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou actuacións presentados polas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.

3ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou as actividades desenvolvidas polas persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).

4ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou as actividades de carácter académico, investigador ou educativos, con dúas modalidades:

a) Os traballos de investigación e estudo do Camiño de Santiago e da peregrinación e/ou cultura xacobea, e/ou do patrimonio cultural ligado ao Camiño de Santiago desenvolvidos por centros de investigación, universidades ou similares.

b) Os traballos de carácter educativos relacionados coa temática do Camiño de Santiago levados a cabo nos centros de ensinanza de educación primaria e secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Aos premios, que serán do importe que cada ano estableza a convocatoria, aplicaráselle a correspondente retención fiscal, e poderán outorgarse de maneira individual ou compartida, ou declararse desertos.

Así mesmo, o xurado poderá outorgar unha ou varias mencións especiais a algúns dos proxectos ou iniciativas participantes, que non terá dotación económica.

4. Os/as premiados/as recibirán un diploma e o importe do premio que lle será pagado mediante transferencia bancaria. No caso de que o premio sexa compartido, serao a partes iguais entre os/as galardoados/as.

5. O procedemento para a concesión dos premios será tramitado no réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación.

6. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado no parágrafo anterior deste artigo, as candidaturas serán examinadas por un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará aos principios contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e da sección 3ª, capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Beneficiarios/as

1. Poderán participar nesta convocatoria segundo as categorías que se establecen no artigo anterior:

a) Os concellos, as agrupacións de concellos de Galicia, mancomunidades de concellos de Galicia, consorcios locais galegos e ás áreas metropolitanas, se as houber, que presenten un proxecto.

Para os efectos desta resolución, considérase agrupación de concellos unha candidatura subscrita por dous ou máis concellos.

b) As asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, legalmente constituídas.

c) As persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).

d) As universidades, centros de investigación ou similares.

e) Os centros de ensinanza de educación primaria e secundaria de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que se dean algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os concellos, así como as agrupacións e resto de entidades locais da alínea a) do punto 1 deste artigo deberán cumprir o requisito de ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas xerais de cada exercicio. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación e a súa falta de acreditación por parte dalgún dos participantes na candidatura supoñerá a inadmisión desta. No caso de agrupacións de concellos, este requisito deberao acreditar cada un dos concellos integrantes da agrupación.

4. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

Prazo

O prazo de presentación de candidaturas será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

 

Descargas: