Os concellos poden recibir asesoramento sobre a actualización catastral

Data: 

luns, 23 Maio, 2016 - 12:30

A Fegamp e a Xunta de Galicia asinaron un convenio de colaboración que vai permitir que os concellos que o demanden poidan recibir o asesoramento preciso sobre os cambios nas valoracións catastrais realizadas polo Ministerio de Facenda. Estas novidades legais afectan a construcións rurais que ata o momento non estaban regularizadas: edificacións gandeiras, forestais e agrarias que non pagaban IBI, pero que agora quedan rexistradas. Os municipios afectados son os que teñan relacións de valores anteriores ao 1 de xaneiro de 2006.

O presidente da Fegamp, Alfredo García, rubricou o acordo co conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, para dotar aos entes locais da máxima información posible sobre as súas competencias. No convenio contan coa colaboración da Axencia Tributaria de Galicia.

Respecto da alarma xerada no sector lácteo por ter que afrontar posibles novos pagamentos nun momento de crise do sector, o presidente da Fegamp destacou que a cuestión "está arranxada, porque os concellos bonifican o 95% deses cartos e o 5% restante entrará dentro do mínimo que lles permitirá non pagar nada a maiores polas súas instalacións".