Os concellos disporán de actividades gratuítas para avanzar no rexeitamento da violencia contra as mulleres

Data: 

mércores, 12 Setembro, 2018 - 10:00
Presentación actividades Rede de entidades locais contra a violencia de xénero 2018-2019

 O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, acompañados da directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, presentaron na sede da Fegamp o 12 de setembro o listado de accións que se poñen en marcha para o curso 2018-2019 para motivar o rexeitamento social e institucional da violencia de xénero.

As actividades ofertadas, sen custe algún para os concellos, inclúen obradoiros, charlas, cursos, exposicións, proxeccións, visitas, e tamén formación específica para o persoal municipal en materia de violencia de xénero. No próximo curso 2018-2019 tamén se pretende afondar nos coñecementos sobre as Mesas Locais de Coordinación (MLC) nas que participan todos os axentes municipais implicados na materia (servizos sociais, forzas de seguridade, centros educativos, CIM, etc.) polo que a secretaría xeral de Igualdade presentou un novo manual para a dinamización destas mesas que estará dispoñible para todos os concellos interesados. Esta nova publicación ven a complementar o manual que xa fora editado en 2015 para a constitución das MLC.

As entidades locais que pertencen á Rede de entidades locais contra a Violencia de Xénero son un total de 194 que veñen a representar case dous terzos do total de concellos galegos polo que o presidente da Fegamp, Alfredo García, reflectía a súa satisfacción: “desde a Fegamp levamos colaborando no crecemento desta rede desde os inicios desta iniciativa en 2012 e estamos satisfeitos cos resultados obtidos”. O presidente destacaba tamén a importancia de ofrecer recursos gratuítos aos concellos: “a oferta de actividades relevantes como as que se ofrecen sen custo para as arcas municipais parécenos unha boa forma de axudar aos concellos e avanzar no rexeitamento da violencia de xénero desde o ámbito municipal”, aseguraba o presidente.

Por último o presidente da Fegamp destacou a importancia da implicación da cidadanía na consecución dos obxectivos perseguidos: “é básico que como cidadáns nos impliquemos rexeitando a violencia de xénero xa que sen ese apoio de todos e todas contra a violencia machista ningunha acción obterá os resultados desexados nin perdurará no tempo”, argumentou García.

Toda a información sobre a Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero, as actividades e as guías de constitución e dinamización das Mesas Locais de Coordinación (MLC) están dispoñibles no seguinte enlace http://www.fegamp.gal/content/protocolo-de-colaboracion-para-o-impulso-d...