Os concellos colaboran coa consellería de Turismo para a conservación dos camiños a Santiago

Data: 

xoves, 28 Febreiro, 2019 - 10:00
Alfredo García e Román Rodríguez na firma protocolo ruta xacobea fegamp consellería turismo.

O presidente da Fegamp, Alfredo García, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asinaban o día 28 de febreiro un protocolo de colaboración para a mellora na conservación, mantemento e sinalización do Camiño de Santiago.

O obxectivo da firma deste protocolo de colaboración entre a Federación Galega de Municipios e Provincias e a consellería de Cultura e Turismo, é favorecer a protección, conservación e o impulso, das diferentes rutas xacobeas a Santiago. A Fegamp comprométese así á difusión entre as Entidades Locais do plan integral previsto para Galicia entre os concellos da comunidade pero tamén se presenta como interlocutor e transmisor das necesidades que os concellos que están situados nos camiños a Santiago podan ter.

Unha das cuestións que máis preocupan nas Rutas Xacobeas, e das que ocupará tamén este protocolo, é a mellora da seguridade viaria nos diferentes tramos urbanos polos que pasan os peregrinos no seu camiño á capital galega. Este protocolo pretende tamén establecer un marco de colaboración estable para coñecer calquera problema que teñas os municipios neste senso para darlle solución.

Por todo, a Fegamp anima aos concellos á trasladar á Federación as súas necesidades para analizar a posta en marcha de medidas que favorezan a execución e efectividade dos programas integrais de mantemento previstos para a Ruta Xacobea.