ORDE CONXUNTA AXUDAS INCENDIOS. CAPÍTULO V: Axudas destinadas ao aloxamento provisional das persoas cuxas vivendas resultaron danadas así como a sufragar os gastos nas vivendas danadas e o seu enxoval doméstico.

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza 

ORDE conxunta do 27 de outubro de 2017 mediante a que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

 

CAPÍTULO V
AXUDAS DESTINADAS AO ALOXAMENTO PROVISIONAL DAS PERSOAS CUXAS VIVENDAS RESULTARON DANADAS POLOS INCENDIOS ASÍ COMO A SUFRAGAR OS GASTOS NAS VIVENDAS DANADAS E O SEU ENXOVAL DOMÉSTICO CORRESPONDENTES AO ÁMBITO DA COMPETENCIAL DA CONCELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA

 

Sección 1ª. Bases reguladoras e convocatoria de axudas en réxime de concorrencia non competitiva destinadas sufragar os gastos de aloxamento provisional derivados da sinatura dun contrato de alugueiro nunha vivenda transitoria das persoas cuxas vivendas resultaron danadas polos incendios forestais acaecidos en Galicia os días 14, 15 e 16 de outubro de 2017. Código de procedemento administrativo VI100A.

Obxecto

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas destinadas a sufragar os gastos de aloxamento provisional derivados da sinatura dun contrato de alugueiro nunha vivenda transitoria das persoas cuxas vivendas resultaron danadas polos incendios forestais acaecidos en Galicia os días 14, 15 e 16 de outubro de 2017.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas persoas físicas que, como consecuencia da acción dos incendios forestais dos días 14, 15 e 16 de outubro, teñan que abandonar temporalmente as súas vivendas. Para estes efectos, a vivenda danada polos lumes, ten que constituír a residencia habitual da persoa beneficiaria xa sexa en concepto propietaria, usufrutuaria ou arrendataria.

2. As persoas beneficiarias deberán estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Ademais, non deben estar incursos en ningún dos outros supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Nin a persoa beneficiaria nin ningún outro membro da unidade de convivencia poderá ter vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, non poderá existir vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata segundo grao, coa persoa arrendadora. Esta mesma exixencia aplicarase cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.

Actuacións subvencionables e contías das axudas

1. Subvencionarase o custo mensual do alugamento dunha vivenda para residencia provisional para a unidade de convivencia que habitaba a vivenda danada, en canto esta non recupere as condicións que permitan a súa nova ocupación. Ademais, concederase á persoa beneficiaria unha axuda complementaria para o suposto da formalización dun contrato de alugueiro, para efectos de atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións.

2. A subvención máxima da renda mensual non poderá superar os 450 euros, para as vivendas situadas nos concellos incluídos na zona territorial I e os 400 euros, para os restantes concellos de Galicia, que se corresponden coa zona territorial II, de conformidade co anexo I do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas publicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

3. Esta axuda terá unha duración máxima de dous anos, contados desde a formalización do contrato de alugueiro.

4. O importe da axuda complementaria para atender aos gastos iniciais vinculados ao arrendamento da vivenda será dun máximo de 600 euros.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no DOG, rematando, en todo caso, co esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que se fará constar no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (en adiante, IGVS).

A solicitude de subvención concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde e deberase dirixir á Dirección Xeral do IGVS.

 

Sección 2ª. Bases reguladoras e convocatoria de axudas en réxime de concorrencia non competitiva destinadas a sufragar os gastos en vivendas danadas e no seu enxoval doméstico, causados polos incendios acontecidos en Galicia os días 14, 15 e 16 de outubro de 2017. Código de procedemento administrativo VI100B.

Obxecto

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas destinadas a sufragar os gastos para reparar os danos nas vivendas e no seu enxoval doméstico, causados polos incendios acontecidos en Galicia os días 14, 15 e 16 de outubro de 2017.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas danadas polos citados incendios forestais.

2. As persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Ademais, non deben estar incursos en ningún dos outros supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Actuacións subvencionables e contías das axudas

As actuacións subvencionables son as seguintes:

1. Danos causados na vivenda que constitúa a residencia habitual e permanente dos seus moradores, na parte non comprendida nas axudas que poidan aprobar outras administracións, ou calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas.

O importe máximo das axudas neste caso poderá acadar o 100 % do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o 75 % do prezo máximo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral na mesma localidade.

2. Danos causados no resto das vivendas, na parte non comprendida nas axudas que poidan aprobar outras administracións, ou calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas.

O importe máximo das axudas neste caso poderá acadar ata o 40 % do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o 40 % do 75 % do prezo máximo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral na mesma localidade. As vivendas deberán dedicarse, cando menos, a residencia ocasional, e quedan excluídas destas axudas as edificacións ruinosas ou que se atopasen en manifesto abandono.

3. Para os efectos destas axudas incluiranse na vivenda as construcións anexas e instalacións complementarias da vivenda danada, e os elementos comúns, na porcentaxe correspondente á súa vivenda, no caso de comunidades de propietarios.

Entenderanse como instalacións complementarias as construcións e equipamentos de apoio á economía e vida familiar tales como pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctricas e de iluminación, instalacións de telecomunicacións, etc. sempre e cando estean localizados no mesmo predio da vivenda.

A porcentaxe subvencionable destas construcións anexas, instalacións complementarias ou elementos comúns será do 100 % do valor de reparación ou reposición no caso de estaren asociadas á vivenda habitual danada, ou do 40 % no caso de vivenda ocasional, sen que en ningún caso o importe máximo de axudas por este concepto supere os 3.000 euros.

4. Serán igualmente obxecto de axuda os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade, cando non estivesen incluídos nas axudas que para o mesmo efecto puidesen aprobar outras administracións ou calquera outro sistema de cobertura de danos e sempre que os danos da vivenda sexan obxecto de subvención. O importe da axuda será de ata o 100 % dos gastos de reparación ou reposición no caso de vivenda habitual ou do 40 % no caso de vivenda ocasional. En calquera caso, o importe da subvención por este concepto non poderá ser superior aos 3.000 euros.

5. Non terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que sexan exclusivamente de carácter estético.

6. Para os efectos deste artigo, o prezo da vivenda protexida de réxime xeral determinarase en atención á situación da vivenda en municipios da zona territorial I ou II de conformidade co anexo I do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012, publicado no DOG do 3 de novembro de 2009.

7. Para os efectos da determinación das contías máximas das axudas por danos na vivenda, computarase como superficie útil máxima, no caso de vivendas unifamiliares, 120 m2 e, no caso de vivendas pertencentes a edificios colectivos, 90 m2.

8. As actuacións previstas nesta orde poderán ser iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude ou á resolución de concesión, sempre que se conserven fotografías e calquera outro documento que acredite o estado en que quedou a vivenda, as construcións auxiliares ou o enxoval por causa dos incendios acaecidos.

Prazo e presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de tres (3) meses, contados a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no DOG, e rematará, en todo caso, co esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que se fará constar no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

A solicitude de subvención realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta sección e deberase dirixir á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

Descargas: