ORDE CONXUNTA AXUDAS INCENDIOS. CAPÍTULO II: Axudas específicas destinadas ás Entidades Locais, a establecementos turísticos e a asociacións, clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro.

Data: 

martes, 31 Outubro, 2017 (Todo o día) a xoves, 30 Novembro, 2017 (Todo o día)

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE conxunta do 27 de outubro de 2017 mediante a que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

 

CAPÍTULO II . 
AXUDAS ESPECÍFICAS DESTINADAS ÁS ENTIDADES LOCAIS, A ESTABLECEMENTOS TURÍSTICOS E A ASOCIACIÓNS, CLUBS E ENTIDADES DEPORTIVAS SEN ÁNIMO DE LUCRO, PARA PALIAR OS DANOS CAUSADOS POLOS INCENDIOS, NO ÁMBITO DA COMPETENCIA DA VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

 

Sección 1ª. Convenios de colaboración coas entidades locais para facer fronte aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e aos danos causados nos bens e dereitos de titularidade municipal.

1. O seu obxecto será o outorgamento de axudas específicas a favor dos concellos afectados polos incendios acontecidos durante o mes de outubro de 2017, nos cales a reparación, restauración ou mitigación dos danos e efectos causados como consecuencia da acción catastrófica do lume, así o aconselle, pola súa entidade, á vista da relación valorada indicada no punto 3 deste artigo.

2. Serán subvencionables:

a) Os gastos derivados das actuacións levadas a cabo para a extinción dos incendios e protección da seguridade das persoas e bens como consecuencia dos incendios.

b) Os gastos derivados da reparación ou reposición dos bens de titularidade municipal prexudicados polos incendios, que non sexan obxecto doutras axudas previstas nesta orde conxunta.

3. A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza elaborará unha relación valorada dos danos producidos nos concellos a que se fai referencia no punto 1 do presente artigo, no prazo máximo dun mes contado desde a publicación no DOG desta orde, logo da recadación dos datos necesarios a través da Axega e en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

4. A relación valorada, indicada no punto precedente, servirá de fundamento para a subscrición dos correspondentes convenios que determinarán as axudas a outorgar polas distintas administracións, así como a porcentaxe de cofinanciamento de cada unha delas, de ser o caso.

5. As achegas económicas das axudas específicas desta sección ascenderán ao importe máximo de 1.500.000 euros e faranse efectivas, nos termos e nas contías que se fixen nos correspondentes convenios que para tales efectos se subscriban, con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Aplicación orzamentaria 05.23.141A.461 ata un importe máximo de 300.000 euros para a anualidade 2017, e ata un importe máximo de 200.000 para a anualidade 2018.

b) Aplicación orzamentaria 05.23.141A.761 ata un importe máximo de 1.000.000 de euros para a anualidade 2018.

6. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento das axudas correspondentes á anualidade 2018 queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

 

Sección 2ª. Axudas da Axencia Turismo de Galicia de concorrencia non competitiva destinadas a concellos de Galicia para a reposición da sinalización afectada polos incendios.Código de procedemento administrativo TU100A.

Obxecto e beneficiarios

1. As subvenciones reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas para sufragar os gastos derivados da reposición da sinalización turística danada como consecuencia dos incendios.

2. Poderán ser beneficiarios das subvencións convocadas os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia afectados pola vaga de incendios que se produciron en Galicia no mes de outubro de 2017.

Crédito e contía das axudas

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta sección faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.0, código proxecto 2016 00002, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, polo importe de 500.000 euros.

2. A axuda económica que se conceda poderá acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 20.000 euros euros ata o esgotamento do crédito a que se refire o punto anterior.

Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

Os concellos que desexen acollerse aos beneficios desta sección, na modalidade en concorrencia non competitiva presentarán solicitude dirixida á Axencia Turismo de Galicia, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde, xunto coa documentación que se relaciona no número 7 desta base.

A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

 

Sección 3ª. Axudas da Axencia Turismo de Galicia en réxime de concorrencia non competitiva destinadas á reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017 nos establecementos turísticos. Código de procedemento administrativo TU100B.

Obxecto e beneficiarios

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas aos establecementos turísticos para reparar os danos ocasionados polos incendios acontecidos durante o mes de outubro de 2017.

2. Poden ser beneficiarios destas axudas os titulares dos establecementos turísticos incluídos no ámbito competencial da Axencia Turismo de Galicia e no Decreto 102/2017, do 19 de outubro, nos cales se producisen danos.

Será requisito imprescindible para conceder estas axudas que a entidade ou persoa solicitante teña inscrita, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia, a actividade turística para a cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Crédito

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta sección faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, código de proxecto 2015 00005, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, polo importe máximo de 500.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria que, no caso de producirse, sería obxecto de publicación no DOG e non supoñería a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

A axuda económica que se conceda poderá acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 18.000 euros ata o esgotamento do crédito a que se refire o punto anterior.

Destino das axudas

Para os efectos desta orde, considéranse gastos subvencionables os custos da reparación ou reposición dos danos ocasionados nas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías depositadas neles, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos á actividade turística.

Consideraranse gastos subvencionables todos aqueles realizados desde as datas dos incendios do mes de outubro de 2017.

Prazo presentación solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Información ás persoas interesadas

Sobre estas axudas poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal

b) Os teléfonos 981 54 63 63 e 981 54 63 64 e o fax 981 54 63 71 da devandita axencia.

c) Enderezo electrónico xerencia.turismo@xunta.gal

d) Presencialmente.

 

Sección 4ª. Axudas da Secretaría Xeral para o Deporte destinadas a asociacións, clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro polos danos nas súas instalacións derivados dos incendios, tramitadas como anticipadas de gasto. Código de procedemento administrativo PR945A.

Obxecto e beneficiarios

1. As subvenciones reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas para sufragar os gastos polos danos causados nas súas instalacións derivados dos incendios nos que incorresen os beneficiarios desde a data dos incendios.

2. Poderán ser beneficiarios das subvencións convocadas as asociacións, clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro polos danos nas súas instalacións pola vaga de incendios que se produciron en Galicia no mes de outubro de 2017.

3. Serán subvencionables con cargo á presente convocatoria os gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e, en particular, as reparacións dos danos causados polos incendios nos seguintes bens de titularidade privada dedicadas á práctica deportiva:

– Terreos de xogo e adestramento e edificacións que prestan servizo a estas instalacións (vestiarios, almacéns, oficinas...) e outras edificacións dedicadas a dar soporte á práctica deportiva.

– Material e equipamento deportivo depositado en instalacións deportivas afectadas polos incendios.

4. As asociacións, clubs e entidades deportivas deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia e deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

Crédito

1. Resulta de aplicación a Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, que regulan a tramitación anticipada de expedientes de gasto polo que a aprobación do expediente queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2018.

2. As subvencións reguladas ao abeiro desta sección faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 04.40.441A.781.0 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 por importe de 100.000,00 euros.

3. A axuda económica que se conceda poderá acadar a totalidade dos investimentos realizados cun límite máximo por entidade de 18.000,00 euros ata o esgotamento do crédito a que se refire o punto anterior.

4. A axuda económica que se conceda poderá acadar a totalidade dos gastos de material e equipamentos realizados cun límite máximo por entidade de 5.000,00 euros ata o esgotamento do crédito a que se refire o número 2.

5. No caso de esgotamento do crédito dispoñible, informarase do dito aspecto a través da páxina web oficial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (http://cpapx.xunta.gal) e no Diario Oficial de Galicia.

Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

As asociacións, clubs e entidades deportivas que desexen acollerse aos beneficios desta sección, na modalidade de concorrencia non competitiva, presentarán solicitude dirixida á Secretaría Xeral para o Deporte, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde acompañados da documentación que se relaciona no número 7 desta base.

A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: