O presidente da Fegamp despide o seu mandato destacando o consenso e a unanimidade como chave da súa presidencia

Data: 

venres, 29 Novembro, 2019 - 12:00

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2019.- Alfredo García, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), José Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela e Marta Fernández, directora xeral de Administración Local, foron os encargados de abrir cos seus discurso a X Asemblea Xeral da Fegamp. O lema desta X Asemblea foi O Valor do Poder Local, e baixo o paraugas deste lema o presidente fixo fincapé na importancia dos representantes locais, dos alcaldes e alcaldesas, no terreo político: “queremos que nesta Asemblea se firme o compromiso de valorar e dar a coñecer a labor realizada pola Administración Local e polos seus representantes políticos nun momento histórico no que a política está tan deostada”, asegurou. García tamén ofreceu o seu agradecementos a todos os órganos directivos da Fegamp destacando “o consenso e a unanimidade como chave do mandato e dos logros conseguidos desde a Federación”.

Alfredo García comezou o seu discurso celebrando “o rigor da xestión dos concellos e as deputacións e os logros do municipalismo” e asegurando que “ poder local é chave para a recuperación económica do país”, incidiu. “No gasto e na xestión orzamentaria, as cifras avalan esta responsabilidade por parte das entidades locais: a débeda descendeu de 255 € a 91 € por habitante desde o 2013 ata o 2018, o remanente de tesouraría no exercicio do 2017 situouse por riba dos 600 millóns, e o resultado orzamentario deste ano superou os 300 millóns de euros”, destacou García.

No seu relatorio tamén expuxo a memoria do seu mandato, na que quixo destacar as accións en materia orzamentaria, que impulsou á viabilidade das escolas infantís e a reclamación do céntimo sanitario. En canto á integración e a unión de forzas, destacou a creación neste mandato da Comisión de Análise de Facendas Locais, que estudou o municipalismo desde o seu financiamento local, orzamento e gasto, marco competencial e planta local. “A Fegamp tamén incrementou a autonomía financeira local a través do mantemento do Fondo Base do Fondo de Cooperación Local, así como o aumento nos últimos anos do Fondo Adicional” remarcou García.

Destacou á súa vez o presidente as accións da Fegamp ao longo do seu mandato no incremento de servizos dos concellos co seu correspondente financiamento, como o novo convenio cos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES). “Foi vital para nós conseguir unha reacción efectiva ás problemáticas conxuntas comúns a través de accións como a creación dunha Bolsa de Traballo de habilitados nacionais ou a centralización do proceso de selección de policías locais” afirmou García.

Rematou reflectindo a importancia de seguir avanzando cara unha redistribución de competencias,  a creación de novos espazos para a realización de eventos por parte dos concellos como acordo para uso gratuíto dos espazos da Cidade da Cultura, e a continuación das campañas de sensibilización sobre a igualdade levadas a cabo. “Non quero finalizar sen destacar accións como a posta en marcha da sede electrónica da federación, unhas contas totalmente saneadas e as importantes xornadas formativas sobre diversas materias que supoñían un reto para os concellos.

O alcalde de Santiago, José Bugallo, e a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández, deron as grazas ao goberno saínte e ofreceron a súa colaboración ao vindeiro para seguir progresando no territorio do municipalismo. En horario de tarde neste evento serán constituídos os novos órganos de goberno da Fegamp para os próximos catro anos tras a votación das listas presentadas.

 

Fotos Xornada Matinal X Asemblea Xeral Fegamp