O Goberno, aberto ao diálogo que lle ofrecera a Fegamp para unha reforma axeitada dos rexistros civís

Data: 

xoves, 21 Maio, 2015 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ven de recibir unha carta do director xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza do Goberno central, Javier Gómez Gálligo, na que agradece a disposición a colaborar do órgano que preside José Manuel Rey Varela para intentar acadar un consenso ‘tanto dos afectados, como dos traballadores, os sindicatos e os partidos políticos’ no que se refíre á reforma do Rexistro Civil, recentemente paralizada polo ministro Rafael Catalá.

O Goberno resposta dese xeito á segunda das cartas que a Fegamp enviara o pasado 21 de abril á Dirección Xeral dos Rexistros, reiterándolle á disposición a colaborar, nomeadamente, naqueles concellos que na actualidade carezan de xulgados de paz ou de rexistros mercantís ou da propiedade.

Na misiva de abril (precedida doutra na mesma liña con data 20 de febreiro), a Federación que representa ao municipalismo galego trasladaba a Gómez Gálligo a conveniencia de aproveitar a fase de tramitación na que se encontraban os proxectos de Lei de Xurisdicción Voluntaria e de Meidas de Reforma Administrativa no Ámbito da Administración de Xustiza e do Rexistro Civil para incorporar neses textos normativos unha fórmula de colaboración municipal.

Na resposta recibida agora pola Fegamp, o director xeral dos Rexistros ratifica que non se vai desenvolver o modelo inicialmente previsto no Real Decreto 8/2014, ‘que atribuía a levanza’ dos rexistros civís ‘aos rexistradores mercantís e cunha plataforma electrónica desenvolvida por unha corporación de dereito público’. Malia todo, explica nesa carta, o Ministerio de Xustiza ten ‘intención de continuar co proceso de reformas iniciado, que incide na necesaria desxudicialización dos rexistros’, e se dín abertos ‘ao plantexamento de calquera tipo de alternativas canto aos profesionais que deberán levar o Rexistro Civil’, ‘pero en todo caso’, engade, ‘a través do diálogo, o consenso e a participación de todos os profesionais afectados’.

Texto íntegro da carta da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado na sección 'Documentación', apartado 'Comunicacións', desta páxina web.