O foro sobre implantación da Administración Electrónica da Fegamp reúne máis de 70 responsables TIC dos concellos

Data: 

xoves, 14 Setembro, 2017 - 11:00 a 14:30

Esta mañá tivo lugar na Federación Galega de Municipios e Provincias unha xornada-foro sobre a implantación da Administración Electrónica no ámbito municipal. A esta cita asistiron máis de 70 responsables TIC de concellos galegos así como responsables políticos (alcaldes e alcaldesas) e tamén representantes das catro deputacións galegas. 

Santiago de Compostela, 14 setembro de 2017- Na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias tiña lugar esta mañá unha xornada sobre a implantación da Administración Electrónica nos concellos galegos. O obxecto da xornada era poñer en común o estado de aplicación das leis 39/2015 da Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Locais, a Lei 40/2015 de Réxime Xurídico do Sector Público e o grado de implantación das mesmas. O interese xerado por esta xornada quedou patente na participación acadada xa que chegaron a estar representados ata 70 responsables TIC dos concellos, aínda que tamén se contou coa presenza de alcaldes e alcaldesas interesadas por esta cuestión e representantes das catro deputacións provinciais.

A AMTEGA e os representantes das deputacións explicaron o procedemento que están levando a cabo en cada ámbito de actuación en materia electrónica en colaboración cos concellos de Galicia e a base da xornada foi o troco de opinións, de informacións, e a resolución de dúbidas sobre a implantación da Administración Electrónica na administración local galega. O foro foi moderado polo  responsable TIC da Fegamp, Raúl Fernández, e pola Directora da Área de Modernización da Administración da AMTEGA, Mª José García Sixto. A intención da Fegamp coa organización desta xornada era “a posta en común de información e a procura de solución conxuntas a problemas similares e neste senso foi un éxito” aseguraba o representante da Fegamp.

Entre as conclusións que se desprenderon da xornada está “o convencemento de que se está ante un tema complexo no que os responsables TIC  se atopan con problemas - tanto de índole administrativa, coma informática ou operativa- para levar a cabo este trámite que os concellos queren xestionar da forma máis operativa posible” aseguraba Raúl Fernández. Pero na xornada sobre todo se fixo fincapé en que “ademais deses problemas puntuais e atrancos o problema principal ao que se enfrontan os concellos é a falta de medios e de persoal pola imposibilidade dos concellos para contratar” pero aínda así “quedou patente o interese municipal por poñer en marcha a Administración Electrónica nos concellos coa maior celeridade posible” aseguraba o coordinador da Fegamp, Raúl Fernández.

A xornada contou con unha gran acollida por parte dos concellos e diputacións