O Fondo Galego participa no Foro Mundial do Desenvolvemento Local en Cabo Verde

- A vicepresidenta do Fondo Galego de Cooperación e concelleira en Redondela, Teresa París, atópase en Praia canda 2.000 delegados dos cinco continentes

- A asociación de concellos e deputacións únese ao debate internacional para promover un progreso económico e social que beneficie a todas as persoas

 

Pontevedra, 20 de outubro de 2017. A vicepresidenta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Teresa París, atópase en Cabo Verde para asistir ao 4º Foro Mundial de Desenvolvemento Local que estes días se desenvolve na cidade de Praia. A asociación de concellos e deputacións participa así, a través da  tamén concelleira de Igualdade e Cultura en Redondela, no debate internacional para acadar un futuro máis equitativo e sostible, canda máis de 2.000 persoas dos cinco continentes.

Desde 2011, cada dous anos este foro ofrece unha plataforma para a reflexión crítica e a discusión creativa sobre o xeito de facer as cousas dun xeito diferente para acadar un desenvolvemento máis xusto para todo o mundo. Gobernos de todos os niveis, sector privado, organismos internacionais, organizacións da sociedade civil e especialistas da academia comparten neste espazo perspectivas e estratexias innovadoras para promover un desenvolvemento económico e social que beneficie ás comunidades.

O goberno de Cabo Verde, o Programa das Nacións Unidas para o desenvolvemento (PNUD) e a Unión de Cidades e Gobernos Locais e Rexionais (CGLU), entre outras entidades, organizan este evento, moi marcado polos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que a ONU fixou co fin de erradicar a pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030. As accións e liderados locais resultan clave para acadar estas metas, polo que neste Foro Mundial tamén se analizará e definirá conxuntamente un mapa de ruta para a consecución dos ODS en cada territorio.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades en relación aos desequilibrios Norte-Sur. No caso concreto de Cabo Verde, desde 2002 cofinanciou máis de 30 iniciativas de cooperación en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade chega en 2017 ao seu vixésimo aniversario.