O esforzo financeiro de concellos e deputacións consegue a continuidade dos GES

Data: 

xoves, 29 Novembro, 2018 - 10:00
foto durante a reunión dos GES á que asistiron a Fegamp, a Dirección Xeral de Administración Local, a Dirección Xeral de Emerxencias, a Dirección Xeral de Montes e as deputacións.

O acordo no financiamento e nas funcións entre concellos, deputacións e a Xunta pecha unhas negociacións que se alongaron durante varios meses.

O pasado 29 de novembro tivo lugar a reunión da Comisión de Seguimento dos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES) na que se debateu o futuro destes grupos, xa que o convenio polo que se estaban a rexer remata en decembro de 2018. Nesta comisión tiveron representación todas as partes implicadas no futuro dos GES: os concellos a través da Fegamp, a Dirección Xeral de Administración Local, a Dirección Xeral de Emerxencias, a Dirección Xeral de Montes e as deputacións.

Ao fin da reunión Alfredo García, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), explicaba: “estamos satisfeitos desde a Fegamp de que quede resolto definitivamente o tema dos GES, xa que é un servizo tremendamente necesario e ademais imprescindible para completar o mapa de emerxencias de Galicia”, explicaba. O presidente do ente municipal tamén comentaba que “ este ten sido un arduo proceso no que a Fegamp leva traballado a reo pola continuidade dos GES coa celebración de diferentes reunións nos últimos meses coas deputacións, e tamén cos concellos que contan con estes grupos, para achegar á comisión de seguimento propostas de consenso”, argumentou.

En canto ao financiamento, este será aumentado ata 280.000 euros ao ano por cada GES, dos que en concreto a Xunta asumirá un 52,5%. Alfredo García quixo destacar o esforzo financeiro de deputacións e concellos que asumen un 40% e un 7,5 % respectivamente.

En canto ás funcións, o presidente explicou a súa conformidade co novo texto: “alegrámonos do acordo alcanzado en canto ás funcións que desempeñarán, xa que penso que o novo texto aclara e concreta moito mellor as tarefas que poderán e deberán realizar para os seus municipios”, concretou.

Desde os servizos xurídicos da Xunta deberán agora traballar de forma acelerada para firmar o novo convenio de colaboración antes do fin de 2018, que é a data na que se extingue o convenio vixente para estes grupos.