O concurso ‘Muros que unen’ premiará os dous mellores murais sobre desenvolvemento sostible

Data: 

venres, 7 Setembro, 2018 (Todo o día) a domingo, 30 Setembro, 2018 (Todo o día)
Cartaz concurso murais que unen

 Nun momento en que se seguen a erguer valados para afastar as persoas, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza o I Concurso de murais arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ‘Muros que unen’, co financiamento do Concello da Coruña. O certame encádrase no convenio asinado recentemente co Fondo Galego polo alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, para destinar 20.000 euros á realización de actividades de sensibilización fronte as desigualdades. A loita contra a pobreza e a prol da equidade de xénero serán os temas centrais das obras, que calquera persoa ou colectivo pode presentar ata o 30 de setembro.

Con ‘Muros que unen’ búscase dar a coñecer, a través da arte urbana, as 17 metas globais fixadas polos Estados membros da ONU a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas no horizonte de 2030. Co fin de fomentar ademais o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas, a primeira edición de ‘Muros que unen’ centrarase en dous deses 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que os municipios deben contribuír a acadar. Trátase do ODS1: Pórlle fin a pobreza en todas as súas formas en todo o mundo, e o ODS5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas.

Outorgarase un premio de 2.000 euros por cada un dos ODS. Ademais, as dúas persoas gañadoras representarán o seu mural nun espazo da cidade ofertado pola organización, que tamén facilitará os materiais necesarios. A técnica será libre, e ao concurso poden presentarse ata dúas propostas, seguindo o procedemento establecido nas bases, que poden consultarse en www.fondogalego.org. As obras deben ser inéditas, de xeito que non fosen recreadas nunha parede con anterioridade nin premiadas noutros concursos. Calquera dúbida pode consultarse asemade no teléfono 986 843 436 ou no enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.org.

 

O Fondo Galego de Cooperación

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 95 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebrou en 2017 o seu vixésimo aniversario.