"Galicia é unha cidade única chea de pequenos barrios" Alfredo García

Data: 

martes, 25 Xullo, 2017 (Todo o día)

A Galicia temos que mirala dende dentro para entender todas as súas arestas e dende a Federación Galega de Municipios e Provincias, a casa de todos os concellos do país, pódese ver máis claramente todas as súas sinuosas formas. Formas que van dende as montañas máis altas, ata as terras chás; e xentes que teñen unha identidade brillante que festexar.Galicia son as súas comarcas e parroquias e os 313 concellos que foron capaces de encher os seus espazos de cultura, de tradición e de sentimento pola terra galega. En torno a estas pequenas comunidades sociais con base territorial, aí, nos concellos, é onde os galegos e galegas van forxando os seus pasos. Aí é onde aprenden a ser galegas e galegos e tamén onde comezan a coñecer a historia e a querer a esta terra que os viu nacer. Hoxe 25 de xullo, é un día para recordar e celebrar a paixón por Galicia.

 

Pero a Galicia non só a queren os e as galegas. Tamén están os que admiran a Galicia cando a visitan. Xentes que quedan abraiadas coa beleza desta terra meiga. Admiran os seus vales e os seus regatos, camiñan polos camiños da súa historia ou préndense cos ollos vivos nas foliadas. Como a poeta estadounidense que nunca escribiu na súa lingua pero si escribiu: «Á lingua galega: marmurio, / movimento de prata, / o vento errante / zoa no luar. / voz fuxitiva / nun río perdido / chorando / camiño do mar»  Esta poeta, Anne Marie Morris , elixiu o galego como linguaxe poética, ou como ela dicía, o galego elixiuna a ela. Tamén moitas veces, o propio desexo ou a visita do destino, fan que algunhas persoas rematen vivindo en Galicia toda a súa vida e queréndolle tanto a esta terra coma un cativo á súa aldea: co corazón entregado. Reflexionaba Abdoulaye Bilal, un senegalés vivindo na Arousa: a miña lingua é con quen me esperto, no entorno presente cambiante. E estaremos de acordo en que ás veces xa son tan de aquí os que naceron en Galicia, como os que viñeron e decidiron querer a esta terra e non deixala atrás endexamais.

 

Pero tampouco podemos esquecernos dos e das galegas que están fora de Galicia e que tamén celebran este Día da Patria Galega. Porque o tempo e o espazo que te separa da túa terra non fai esquecer o cheiro do cocido, do botelo e do campo. Ese tempo e ese espazo para os emigrantes galegos foi grande pero aínda agora, por exemplo dende o outro lado do Atlántico, envíannos sinais (e case leccións) de amor pola terra galega. Porque a Morriña, pois, é a Saudade en estado de conciencia; é o desexo, posible ou imposible, de recobrar o que se perdeu; é a devoción a algo que está na lonxanía do tempo ou do espazo, dicía Castelao.

 

A identidade que caracteriza os galegos está cuberta de matices. E o que temos que facer é ir coñecendo o noso mellor ca ninguén: viaxar polas nosas terras, polas nosas praias, pola gastronomía; camiñar polos nosos camiños, polas nosas rúas, polos paseos de mar e río; comer nas nosas cantinas, nos nosos bares, de romarías; beber nas nosas fontes, na nosa louza, do noso viño. E falar o noso idioma. A fala galega en si mesma e símbolo de unión, de tradición, de lembranza. O idioma é a chave/ coa que abrimos o mundo:/ o salouco máis feble/ o pesar máis profundo. O idioma é o tempo/ é a voz dos avós/ e ese breve ronsel/ que deixaremos nós, dicía Manuel María.

 

E coa identidade galega tan variada vamos recorrendo o noso pasado e forxando o noso futuro. Un futuro no que os concellos de Galicia queremos estar presentes, axudando, dando servizos, coidando. Porque Galicia é rural ou urbana, pero ligada aos concellos, e estes temos que estar a altura das necesidades dos nosos veciños e veciñas para camiñar cara un futuro cheo de luz e nunca máis de escuridade.Por iso é obrigado para os concellos galegos cumprir cos obxectivos marcados, pola xustiza do tempo e do espazo, para continuar a senda dos que antes estiveron loitando. Debemos animar aos nosos veciños e veciñas a coñecer os nosos recantos, a nosa cultura e os nosos cantos, para non perder nunca o que nos identifica tanto. Un pobo que non coñece as súas tradicións é un pobo sen identidade. Son boas claves para seguir adiante, como escribía Manuel Rivas, que os soños abren as xanelas e lámbense as feridas nas praias e nas beiras dos ríos.

 

E hoxe é o Día de Galicia, o Día da Patria Galega, a celebración de ser libres de izar o noso corazón e cantarlle a Galicia. Un día no que sentir preto de nós aos os que loitaron antes por logralo.  Porque aínda que hoxe nos saibamos ceibes de presentarnos como galegos e de falar en galego, esta celebración tamén é para os que non puideron facelo antes. Merecido é ter un día no que poder agradecer o feito de pertencer a un pobo, despois de tanta escuridade e tanto medo por amosalo.Está escrito que ata Lorca sabía que Chove en Santiago na noite escura e que a Camelia branca do ar brilla entebrecida ao sol, e aínda que sabemos que neste día o corazón de Galicia é Santiago de Compostela e nel están postas todas as miradas, no Día de Galicia, todos os concellos galegos programan tamén o seu particular homenaxe. Con letras galegas, feiras e festas, arte e teatro, e sobre todo co son das gaitas, claman tamén as súas voces polo patrimonio que queremos tanto. Animamos a todos os galegos e galegas a celebrar a identidade galega e a participar das actividades que os municipios teñen proxectadas.

 

Galicia é unha cidade única chea de pequenos barrios, e dende eles, dende os concellos, debemos celebrar este día de Galicia por todo o alto. E para entender mellor esta Galicia nosa debemos espirnos de cores políticas e vestir as cores propias: o verde da terra, e o azul do mar. De esa forma comprenderemos cal é a realidade que temos ante os nosos ollos: unha rexión que non deixa indiferente coas súas xentes. Como dicía Rosalía:  Mimosa, soave, sentida, queixosa; encanta si ríe, conmove si chora. Unha terra chea de contrastes, de mar e area, de monte e terra, de risa e quebranto. Feliz Día de Galicia a todas e todos.