A Fegamp vai pedir á Xunta que asuma o financiamento dos conservatorios municipais

Data: 

xoves, 15 Decembro, 2016 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias trasladará á Xunta a demanda de constitución dunha mesa de negociación para abordar o financiamento dos conservatorios profesionais de música que están sufragados na súa totalidade polas arcas locais. En Galicia son máis de 30 os centros que imparten esta formación, dos que 9 están xestionados pola administración autonómica. Isto supón unha importante carga económica para os municipios que só contan cos fondos propios.

Na reunión celebrada onte na sede da Fegamp, os responsables locais incidiron en que é clave garantir a continuidade destes centros, a súa maioría situados nas cabeceiras de comarca, dado que os autonómicos non teñen prazas suficientes para cubrir a demanda formativa. O obxectivo é abrir unha mesa de negociación para garantir a viabilidade económica que asegure o seu futuro.

Os participantes na xuntanza tamén expuxeron que os conservatorios locais deben contar cos requisitos que establece a Xunta para a ensinanzas oficiais reguladas (currículo formativo, prazas por aula, etc.) e pasar as inspeccións correspondentes. Deste xeito, contan coas mesas esixencias que as Escolas Oficiais de Idiomas, pero sen recibir os fondos para o seu funcionamento. Malia que o proxecto de Orzamentos de 2017 conta cunha partida de 300.000 euros ao respecto, está contía repartiríase en 80 subvencións, co que quedaría lonxe de resolver a problemática.

Ademais do traslado desta petición á Xunta, os concellos afectados presentarán o problema aos distintos grupos parlamentarios e aos organismos provinciais. Tamén buscarán o apoio do propio alumnado, o cadro docente e as ANPAS.

galer_a_fotos