A Fegamp traballa na reactivación do sector cultural e o turismo tralo confinamento polo COVID-19

Data: 

mércores, 22 Abril, 2020 - 11:00
Reunión do presidente da Fegamp coa Xunta para reactivar o sector cutlural na crise do COVID-19

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2020.- A Federación Galega de Municipios e Provincias traballará coa Consellería de Cultura e Turismo para reprogramar os eventos culturais adiados por mor da crise sanitaria do coronavirus. É un dos acordos acadados na reunión mantida por videoconferencia entre o presidente da Fegamp, Alberto Varela, e o titular da consellería da Xunta, Roman Rodríguez, para favorecer a reactivación do sector.

Varela garantiu que “o sector cultural pode contar co esforzo da municipalidade porque son importantísimos, non só coma tecido económico; aportan unha materia prima fundamental para a identidade e a construción da sociedade”. Ademais de fixar un novo calendario, elaboraranse  protocolos para que os concellos poidan aloxar os eventos coa garantía de máxima seguridade para os asistentes. Nesta liña, Alberto Varela propuxo a celebración dunha reunión conxunta cos axentes do sector de organización de eventos e actos culturais que leven a xuntanza de persoas. Unha cita na que o presidente da Fegamp considera imprescindible a participación das Deputacións provinciais que “xa están a arrimar o ombro con diversas iniciativas”.

Na reunión, que contou coa participación da directora de Administración local, Marta Fernández Tapias, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, acordouse tamén a elaboración dun plan para incentivar o turismo. Para iso, a consellería proporá unhas medidas de seguridade sanitaria específicas para as localidades máis turísticas e os municipios percorridos no Camiño de Santiago. O documento será estudado polos concellos con obxectivo de conseguir entre todos o marco perfecto para recuperar a confianza dos turistas.

O presidente da Fegamp remarcou a necesidade dunha estreita e coordinada colaboración, xa que “é necesaria a suma de todas as administracións para axudar ao sector a pasar e superar este trance, e que toda a sociedade poida seguir a beneficiarse del”.