A Fegamp reúnese co delegado do Goberno en Galicia e coa Xunta para reforzar as medidas de seguridade na comunidade

Data: 

martes, 5 Setembro, 2017 (Todo o día)

 

No encontro tamén estiveron presentes os principais mandos da Garda Civil, Policía Nacional,  Autonómica e Local. A importancia da cooperación entre as administracións e forzas e corpos de seguridade foi a principal mensaxe da reunión destacando ademais que a comunidade galega se atopa actualmente nun nivel 4 de alerta

5 de setembro de 2017.-  o presidente da Fegamp, Alfredo García mantivo unha reunión co delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda ao redor da situación de seguridade no actual nivel 4 de alerta antiterrorista da comunidade galega. No encontro estiveron presentes tamén o Xefe Superior de Policía de Galicia, Manuel Vázquez, o xeneral Xefe da 15 zona da Garda Civil, Anxo Alonso, e o comisario xefe da UPA Silverio Branco. Así mesmo asistiu o presidente da Asociación de Xefes e Mandos dá Policía Local de Galicia  (Axempol- Unijepol Galicia), José Antonio Brandariz.

Nesta reunión expúxose a situación actual en todos os concellos galegos e destacouse o traballo conxunto de policías locais, nacional, Garda Civil coas distintas administracións. "A policía local recibirá formación na loita contra o terrorismo", aseguraba Alfredo García, presidente da Fegamp, Sumar esforzos, traballar conxuntamente e información compartida foron as claves transmitidas para garantir a tranquilidade a toda a poboación. "É moi importante tamén a colaboración da cidadanía de onde poden partir investigacións que eviten posibles ataques", continuaba García

Entre as medidas de reforzo da seguridade recollidas no actual nivel de alerta están o reforzo dos dispositivos de seguridade en lugares ou eventos de afluencia masiva de persoas -con especial énfase en zonas turísticas- e a  intensificación da prevención en potenciais obxectivos de ataques. despois da cita.O presidente da Fegamp reflexionaba tamén sobre a dificultade de blindar as zonas de afluencia de xente para os concellos: "o urbanismo deberá ser pensado en clave de seguridade", explicaba o presidente facendo referencia a novas construcións.

Entre as pautas marcadas polo Ministerio do Interior sobre seguridade destacan a revisión dos Plans xerais de Seguridade, así como a elaboración de Plans parciais de Seguridade para zonas ou eventos especiais. Continuarase potenciando o intercambio de información e seguiranse convocando, como xa viña facendo, as Xuntas Locais de Seguridade.