A Fegamp reúnese con Política Social para colaborar na nova Axenda Social de Galicia

Data: 

mércores, 13 Abril, 2016 - 11:30

A Federación Galega de Municipios e Provincias recibiu hoxe da man da Consellería de Política Social o documento de traballo para a configuración da nova Axenda Social de Galicia. A Xunta de Voceiros da Fegamp, presidida por Alfredo García, reuniuse na sede de Fontiñas co conselleiro José Manuel Rey Varela; o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez e o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.

Na xuntanza, o departamento autonómico explicou aos representantes municipais as futuras liñas de actuación que van desenvolver para intentar atallar as situacións de pobreza e exclusión social en Galicia, que segundo a Xunta afectan a máis de 600.000 persoas. A Fegamp estudará a proposta para que os concellos participen como unha parte activa nas actuacións previstas pola Consellería, que pretenden implicar ademais ao resto de administracións públicas, medios de comunicación e outros axentes sociais.

A intención é que en datas próximas se peche a partida orzamentaria e se desenvolvan as medidas concretas para a atención nos servizos sociais.