A Fegamp propón unha vía para desbloquear a comarcalización dos parques de bombeiros

Data: 

venres, 15 Xuño, 2018 - 11:00
Reunión mesa polas emerxencias de Galicia xuño 2018

15 xuño de 2018.- Santiago de Compostela.- O 15 de xuño tiña lugar a reunión da Mesa polas Emerxencias na sede da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela á que acoden a Fegamp, a Xunta e as Deputacións provinciais para avanzar no novo mapa de emerxencias de Galicia. Había en concreto un tema que estaba bloqueado nesta comisión como é o procedemento para intentar a comarcalización dos parques de bombeiros na provincia de Pontevedra.

Por iso, e coa intención de romper este bloqueo, na reunión o presidente da Fegamp, Alfredo García, propuxo unha nova vía de negociación para poder facer avanzar as cousas e as negociacións entre as partes. García propuxo a posibilidade de falar primeiro cos concellos de Pontevedra e Vigo, e tras estas conversas, volver a tratar o tema coa Deputación de Pontevedra. A xunta apoiou a proposta e o  representante da Deputación de Pontevedra aceptou tamén esta nova vía de negociación. Será nos próximos días cando se pedirán sendas reunións cos alcaldes e haberá que esperar á celebración das mesmas para ver os resultados.

Outro tema importante tratado na reunión foi o futuro dos Grupos de Emerxencias Municipais (GES) sobre os que xa houbo unha primeira decisión vai tempo de que os GES deben continuar pero o convenio remata neste ano 2018 e había que tomar decisión sobre as funcións, o financiamento, cales administracións van a ser as responsables do servizo, etc. Decidiuse, tanto por coherencia coma por operatividade, que se tomarían os acordos necesarios para a súa continuidade na Mesa de Seguimento dos GES, que se reunirá con carácter de urxencia nas próximas semanas.

Tamén se interesou o presidente da Fegamp polo teléfono específico de contacto co 112 para alcaldes/esas que a Fegamp reclamou a Emerxencias tras os lumes do 15 de outubro para evitar bloqueos de comunicación para alcaldes/esas ao fronte de dispositivos de extinción en casos de emerxencia como os ocorridos nesa data. Inmediatamente despois desa petición creouse unha base de datos cos teléfonos móbiles dos alcaldes/esas dándoselle prioridade desde o 112 a estas chamadas. Para evitar anomalías no listado, o 112 vai remitir a relación de teléfonos que ten de todos/as os/as alcaldes/esas para contrastar cos datos de que dispón a Fegamp e actualizar os contactos en caso de que fose necesario.