A Fegamp promove unha xornada sobre a fiscalidade nos residuos municipais

Data: 

mércores, 14 Novembro, 2018 - 10:00
O presidente da Fegamp, Alfredo García, presentando a xornada sobre a fiscalidade na xestión dos residuos municipais

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en colaboración co Laboratorio de ideas sobre Residuos (LIR) levaron a cabo no Edificio Cersia en Santiago, unha xornada informativa baixo o título “A fiscalidade na xestión dos residuos municipais: vías para unha aplicación efectiva”. Na xornada tratáronse temas como as perspectivas na xestión do lixo a nivel local, as estratexias cara unha fiscalidade de residuos eficiente ou as experiencias na aplicación da fiscalidade de residuos.

A cita formativa, que contou con 100 inscritos do ámbito municipal e profesionais da xestión de residuos fundamentalmente, tiña como obxectivo principal “promover a reflexión sobre a xestión de residuos, dar a coñecer estratexias e ferramentas que poidan facer a xestión municipal máis eficaz e eficiente, e aportar un pouco de luz sobre unha área da xestión municipal da que a cidadanía ás veces non ten unha imaxe positiva”, expuxo o presidente do ente municipal, Alfredo García, no acto inaugural.

García, tamén explicou na súa intervención que é común que a cidadanía poña en entredito a carga fiscal por un determinado servizo fronte ao concello do lado: “os xestores públicos somos os primeiros que temos que entender que un servizo público debe ser eficaz e eficiente pero cunha estrutura tal que permita a recuperación de custos, por extensión a sostibilidade do servizo, e que trate con equidade aos cidadáns”, argumentaba o presidente.

A xornada estendeuse ata ás 13.30 horas e como clausura aproveitouse para dar a coñecer entre os asistentes a campaña ECOLUCIONA, realizada pola Fegamp en colaboración co LIR, con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos. En concreto estamos a falar de 10 vídeos con tips para a redución de residuos por parte da cidadanía na vida diaria. Os vídeos serán empregados ao longo da próxima semana pola Fegamp e despois estarán a disposición dos concellos galegos para que poidan personalizalos co logotipo do concello e darlle difusión nas súas redes sociais ou web.