A Fegamp presentou a Ordenanza de Administración Electrónica para entidades locais

Data: 

xoves, 9 Abril, 2015 (Todo o día)

O presidente da Federación Galega de Municpios e Provincias (Fegamp), José Manuel Rey Varela, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta (Amtega), Mar Pereira Álvarez, e o decano do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (Cpeig), presentaron onte, na sede da Federación, a Ordenanza de Administración Electrónica para entidades locais. Rey Varela destacou que se trata dunha ferramenta tipo, á que xa se poden adherir os concellos que o desexen, que ten como obxectivo facilitar e axilizar a implantación neles da administración telemática, 'con especial fincapé nos concellos pequenos, que teñen máis difícil cumprir cos novos requerimentos, como por exemplo a obriga de licitar de xeito electrónico a partir do próximo 1 de xaneiro (de 2016)'.

O presidente da Fegamp suliñou que, coa administración electrónica, se logra unha maior eficacia e coordinación (ao evitar que cada concello teña unha ordenanza distinta), elimínanse colas, desprazamentos e horarios preestablecidos, redúcense custos e suprímense as comunicacións en papel'. Rey Varela puxo en valor o traballo en común da Fegamp coas distintas administracións públicas e cos colexios profesionais, como sucedeu con esta ordenanza-tipo, elaborada pola Federación Galega de Municipios e Provincias e o Colexio de Enxeñeiros en Informática de Galicia, coa colaboración da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia da administración autonómica. A súa directora lembrou o dereito dos cidadáns a relacionarse de xeito electrónico coa administración e destacou que, desde o ano 2010, a Xunta foi incrementando a carteira de servizos dixitais para os concellos entre os que xa ofrece a acreditación e a sinatura dixital de balde (que empregan preto de 140 entidades locais galegas), a Plataforma de Contratos (con 130 concellos dados de alta), o Nodo de Interoperabilidade ou a Plataforma de Licitación Electrónica, Leal.gal, que xa opera como piloto para o Concello de Santiago e as deputacións provinciais de Pontevedra e Ourense. Tamén avanzou que o 'Plan de Goberno dixital 2015-2020' ampliará o alcance deses servizos e implantará outros novos como o de notificacións electrónicas. Mar Pereira lembrou que xa en 2010 a Xunta e a Fegamp plasmaron nun convenio o compromiso de consolidar un novo modelo de relación entre as administracións públicas e os cidadáns, apostando por compartir, reutilizar, evitar a duplicación de esforzos e recursos, e avanzar na prestación de servizos conxuntos para a sociedade. 

Suárez Lorenzo, o decano dos enxeñeiros informáticos galegos, resaltou que a ordenanza presentada onte 'é moi completa' e 'fundamental' para dar pulo á administración electrónica. Segundo el, regula o uso dos medios telemáticos de xeito homoxéneo, 'dispoñendo un marco común, pero dando marxe de decisión aos concellos'. E lembrou que a ordenanza está dividida en oito capítulos, definindo cuestións como os dereitos e deberes dos cidadáns, o rexistro electrónico, o arquivo electrónico, ou o sistema de facturación e pagamento, entre outras.

A ordenanza conta cun anexo final, aberto, no que os concellos irán incluíndo os procedementos administrativos que xa prestan telemáticamente, en función da súa dispoñibilidade de medios electrónicos.

Os interesados poden descargarse o texto íntegro da Ordenanza de Administración Electrónica desde a sección 'Acordos' da área de 'Documentación' desta páxina web.