A Fegamp pide unha moratoria para elaborar auditorías do estado das redes de abastecemento nos concellos galegos

Data: 

mércores, 10 Abril, 2019 - 11:30
o presidente da Fegamp no Consello Reitor de Augas de Galicia

O presidente da Fegamp pediu para os concellos unha moratoria de dous anos para elaborar auditorías das redes de abastecemento de auga e un plan cofinanciado de obras que permitan aos municipios cumprir coa normativa.

 Santiago de Compostela, 10 de Abril de 2019.- Alfredo García, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), acudía esta mañá á convocatoria ordinaria do Consello Reitor de Augas de Galicia que tivo lugar na sede da Escola Galega de Administración Pública en Santiago de Compostela. Nesta cita coñecéronse os informes emitidos ante o Anteproxecto de lei de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situación de risco sanitario.

O presidente da entidade municipalista, Alfredo García, trasladou ata a reunión a postura dos concellos galegos ante o citado texto, aclarando en primeiro lugar que os municipios non se opoñen a que se graven as malas prácticas na xestión das redes de abastecementos nin a contar cunha estrutura tarifaria suficiente que desincentive un excesivo consumo de auga; García recoñeceu tamén que hai problemas coas redes de abastecemento que teñen perdas nalgúns casos elevadas.

Así, tras acordar a proposta con todos os grupos políticos na xunta de voceiros da Fegamp, a postura que defendeu o presidente tiña dúas premisas fundamentais. Por un lado, García trasladou a petición dunha moratoria  de 2 anos para que os concellos podan elaborar auditorías que lles permitan coñecer o estado real das redes de abastecemento municipal. Por outro, o presidente da Fegamp pediu a elaboración dun “plan de prazos” que permita ir conseguindo logros aos concellos, así como un plan conxunto e cofinanciado para a realización de obras, que melloren o rendemento das redes para cumprir o obxectivo de perdas de auga que marca a lei. O presidente amosouse satisfeito pola acollida que recibiu a súa proposta entre os asistentes á reunión e recolleu o compromiso de Augas de Galicia de estudar as propostas enviadas pola Fegamp para ser consideradas na redacción do texto definitivo.

Comentar por último que debido a asistencia ao Consello Reitor de Augas, o presidente da Fegamp non acudiu á reunión á que estaba convocado polas conselleiras de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, para tratar o tema da modificación do Regulamento da Lei de Costas.