A Fegamp pide incluír as cabeceiras comarcais na concesión de fondos EDUSI

Data: 

mércores, 10 Outubro, 2018 (Todo o día)
Alfredo García en Bruxelas no marco da Semana Europea das Rexións e Cidades

 

 

Bruxelas, 10 de outubro de 2018.- No marco da Semana Europea das Rexións e Cidades que se desenvolveu en Bruxelas,  o presidente da Fegamp, Alfredo García, en representación do Eixo Atlántico do que tamén é presidente, presentou a primeira Axenda Urbana Transfronteiriza da Unión Europea. Na xornada de hoxe, estiveron presentes diversas autoridades coma a subdirectora xeral de Urbanismo do ministerio de Fomento de España, Ángela de la Cruz,  Laura Hegemann, membro da Unidade Urbana da Comisión Europea, ou José Palma Andrés, ex-director de Cooperación territorial da Comisión Europea e un dos principais redactores do documento do Eixo Atlántico.

No marco desa intervención, Alfredo García, puxo de relevancia a realidade urbana de Galicia na que moitos municipios non poden acceder a fondos europeos como os EDUSI destinados ao desenvolvemento e mobilidade por ser para municipios de máis de 20.000 habitantes: “na nosa rexión a maior parte das cabeceiras comarcais están entre 10.000 e 20.000 habitantes aínda que prestan servizos a territorios de 40.000 ou 50.000 habitantes polo que as administracións que máis apoio necesitan para desenvolver a cidade do futuro quedan fora da axuda económica” explicaba García.

Durante a xornada, creouse un clima de comprensión ante a petición do presidente da Fegamp de camiñar cara unha política urbana o suficientemente flexible como para adaptarse á realidade de todos os países e rexións e sendo así capaz de responder aos retos de todo tipo de áreas urbanas. Tamén se lanzou o compromiso de estudar esta posibilidade para próximas convocatorias destas axudas.