A Fegamp pide ao Goberno que os concellos participen no mantemento dos rexistros civís

Data: 

xoves, 23 Abril, 2015 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Pronvicias (Fegamp) ven de enviar unha segunda carta á Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Goberno na que ofrece a disposición do municipalismo galego a colaborar con ela naqueles municipios da nosa comunidade autónoma que carezan na actualidade de xulgados de paz ou de rexistros mercantís ou da propiedade. A Federación estima que este é o momento oportuno para incluir esa participación municipal nos textos legais, xa que tanto o proxecto de Lei de Xuridiscción Voluntaria, como o de Medidas de Reforma Administrativa na Administración da Xustiza, están neste momento en fase de tramitación. Ao mesmo tempo, a Fegamp propón á Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado que esa colaboración supoña a mesma ou semellante compensación económica ou financiamento que o que o Goberno tivera previsto destinar a outros colectivos por ese labor. Na misiva, a Fegamp indica ademais que esa participación dos concellos non ten por que ser un obstáculo para a implantación dun único sistema informático e dunha mesma aplicación, como prevé a Lei.

A Fegamp xa enviara outra carta á Dirección Xeral o pasado 20 de febreiro na que expresaba a ‘preocupación’ do municipalismo galego ante a previsión legal de suprimir os rexistros civís coa entrada en vigor, o próximo 15 de xullo, da Lei 20/2011, de 11 de xullo, de Rexistro Civil, máis tendo en conta que ‘Galicia conta cunha poboación notablemente envellecida e dispersa en máis de 30.000 núcleos, a metade de todos os existentes en España, sen que moitos deles conten actualmente coa tecnoloxía necesaria para implantar a prevista plataforma electrónica’. Naquel texto, a Federación pedíalle ao Goberno que mantivese os servizos e funcións rexistrais civís no ámbito municipal máis próximo (nos xulgados de paz), e tivera en conta a posible participación ou colaboración municipal no caso dos concellos que carecen dél, ‘co conseguinte financiamento para o desempeño desas funcións’.

Con anterioridade a esa primeira misiva, o presidente e vicepresidentes da Fegamp xa lle trasladaran esa inquietude á secretaria de Estado de Xustiza do Executivo central, Carmen Sánchez-Cortés Martín, nun encontro con ela que tivo lugar o pasado 11 de febreiro.

Poden acceder ao contido completo das dúas cartas da Fegamp á Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariadfo na área 'Documentación', sección 'Comunicacións', desta páxina web.