A Fegamp estudará as propostas da Xunta para mellorar a prevención de incendios

Data: 

mércores, 15 Novembro, 2017 - 11:00

A Federación Galega de Municipios e Provincias reuniuse esta mañá na Consellería de Medio Rural para coñecer as emendas propostas na Lei de Acompañamento aos orzamentos de 2018 para abordar a posta en marcha de medidas de prevención dos incendios. A Fegamp tivo coñecemento así das medidas que afectan directamente aos concellos como a concesión de potestade para actuar por vía de emerxencia nos casos de parcelas con dono non localizable ou descoñecido.

Santiago de Compostela, 15 de Novembro de 2017.- O Presidente da Fegamp, Alfredo García, xunto co resto do equipo de voceiros da Fegamp, acudiron a unha reunión co Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a Conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, para poñer en coñecemento da federación ás emendas que se inclúen na Lei de Acompañamento aos orzamentos de 2018 nas que se modifican cuestións referidas á prevención de incendios e que en moitos casos afectan directamente aos concellos.

Entre as medidas que se presentaron están que, tanto a Administración Local como a Administración Autonómica, poderán actuar por Vía de Emerxencia na limpeza de parcelas, tras abrir o expediente sancionador pertinente e nos casos de que o propietario sexa descoñecido ou non estea localizable. Neste eido o presidente da Fegamp destacou que “hai que diferenciar o territorio galego xa que o minifundismo e o abandono do monte en provincias como a de Ourense dificultan enormemente esta labor” e facendo fincapé ademais na “necesidade de achegar persoal para poder poñer en marcha os centos de expedientes sancionadores que terán que poñer en marcha os concellos para os que non contan cos recursos necesarios”. Insistiu así mesmo García na “necesidade de habilitar axudas e partidas orzamentarias especiais para poder levar a cabo estas accións”.

Con respecto ao mantemento e  limpeza das franxas de protección en xeral, o presidente da Fegamp explicou que “hai que pensar que hai territorios onde o número de parcelas que ten un núcleo rural pode superar ata as 400 polo que os concellos non temos medios e a cantidade de parcelas a xestionar fai imposible esta labor”.

En canto a valoración das medidas presentadas o presidente da Fegamp expresou que aínda que terían que estudalas polo miúdo, “en principio poden facilitar a labor de cara a poñer en marcha accións para tomar medidas e impedir que se produzan de novo situacións de emerxencia como as vividas no mes de outubro” pero García insistiu tamén na “necesidade da facer políticas que poñan en valor o aproveitamento do monte xa que en determinadas zonas de Galicia o monte non vale nada polo que arde con total impunidade”.

Alfredo García expresou a boa vontade da Fegamp de colaborar coa Xunta na posta en marcha destas medidas e insistiu “na necesidade de realizar reunións periódicas para nun medio prazo solucionar dunha forma definitiva o problema dos incendios nos montes galegos”. O presidente do máximo órgano municipal emprazou o debate a próximas reunións tras ser os documentos estudados pola Xunta de Voceiros e a Comisión Executiva da Fegamp.