Fegamp e Xunta unifican as condicións de financiamento de centros de día e escolas infantís

Data: 

mércores, 11 Maio, 2016 - 11:30

A Federación Galega de Municipios e Provincias e a Xunta de Galicia asinaron hoxe un acordo marco que vai regular o financiamento dos centros de día e escolas infantís que formen parte do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. O presidente da Fegamp, Alfredo García, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, ratificaron este convenio que estipula as contías concretas de custo por praza nestes centros e establece un modelo de pagamento unificado. Estes criterios aplicaranse para  os concellos que desexen incorporar novos centros ao Consorcio e para aqueles que xa formen parte del, pero queiran revisar o seu modelo de xestión actual.

Para as escolas infantís, o convenio fixa un custo por praza en 4.500 euros/ano: a Xunta de Galicia abonará un terzo, os municipios outro e o restante financiarase coas taxas de matriculación e co propio Consorcio. No caso dos centros de día, o modelo é semellante, cun custo por praza de 7.500 euros/ano.

A maiores, aqueles concellos que se encarguen de realizar o mantemento dos locais, recibirán por parte da Consellería de Política Social, un desconto anual de 600 euros por praza/ano. Será de libre elección por parte dos entes municipais realizar estas tarefas ou decidir que as desenvolva o propio Consorcio.

Redución da débeda e bonificacións

Froito das negociacións mantidas nos últimos meses entre a Fegamp e a Consellería de Política Social, o Consorcio ademais condonará ata o 50% da débeda que teñan contraída os concellos pola prestación destes servizos ata a presente data.

Aqueles municipios con pagamentos pendentes poderán fraccionalos e abonalos en 5 anos. Este tempo podería ampliarse máis, se o ente local en cuestión presenta dificultades graves para liquidar esa contía.

En canto aos concellos que teñan ao día as súas cotas, poderán recuperar esa porcentaxe de desconto con bonificacións a percibir durante as vindeiras anualidades. Ábrese agora o prazo dun ano para que a Xunta de Galicia revise os modelos de xestión caso a caso con aquelas localidades que o soliciten.

Segundo destacou o presidente da Fegamp “Este acordo supón garantías, tanto para os concellos que contan con escolas infantís e centros de día no Consorcio, como para os de nova incorporación. Vai permitir que a principio de ano, os municipios saiban canto lles vai custar prestar eses servizos e resolve tamén boa parte da problemática das débedas contraídas ata o momento”. Alfredo García fixo fincapé nas boas liñas de colaboración ofrecidas neste eido polo xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, e polo conselleiro de Política Social. José Manuel Rey Varela destacou no acto de sinatura da Fegamp que “O obxectivo de acordos coma o de hoxe é facer política social igualitaria para todos os cidadáns e cidadás, con independencia do concello no que vivan”.