A Fegamp e a Xunta propoñen poñer en marcha unha bolsa de socorristas para o próximo ano

Data: 

mércores, 19 Xuño, 2019 - 10:00
reunión na Fegamp coa Xunta tema socorristas

O presidente da Fegamp reuniuse con representantes da Xunta de Galicia para tratar a problemática da contratación de socorristas polos concellos e ofrecer posibles solucións de cara ao próximo ano.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2019.- O presidente da Federación de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, reuniuse co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, para tratar temas de interese municipal.

En concreto a cuestión máis importante sobre a que se debateu foi a problemática que os concellos teñen á hora de contratar socorristas na época estival: “os concellos teñen este problema ano tras ano e debemos buscar solucións de forma conxunta para atallar a cuestións” aseguraba o presidente da Fegamp.

Para atallar a problemática dos socorristas propúxose a centralización de probas de admisión destes profesionais e a posta en marcha dunha bolsa de socorristas moi similar á posta en marcha para a contratación de policías locais e auxiliares de policía local. Tras a reunión mantida entre as partes, o presidente da Fegamp explicaba que a Fegamp se comprometera tras o encontro mantido coa Xunta a realizar unha enquisa entre todos os concellos con socorristas para tratar de facer un balance o máis obxectivo posible do problema, e coñecer as condicións actuais de contratación, problemáticas específicas de cada concello, etcétera: “tamén buscaremos coñecer a conformidade ou non dos concellos en que o proceso de selección se realice de forma unificada a través de convenio aínda que quero recordar que ao igual que para os policías locais a adhesión será evidentemente voluntaria”, resaltaba Alfredo García.

Nas próximas semanas a Federación requirirá a información sobre socorristas aos concellos e seguirá a traballar na solución deste problema para ter en marcha no mes de xaneiro de 2020 esta bolsa de emprego de salvamento.