A Fegamp e o COPG asinan un convenio para mellorar a atención nos concellos a vítimas da violencia machista

Data: 

mércores, 23 Novembro, 2016 - 12:00

A Federación Galega de Municipios e Provincias e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia asinaron hoxe un convenio para que os concellos galegos conten cun mellor acceso á atención psicolóxica  integral para vítimas da violencia machista. Os encargados de ratificar este acordo de colaboración pioneiro foron o presidente da Fegamp, Alfredo García e a decana do COPG, Mª Rosa Álvarez, na semana do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Segundo o pactado, os municipios poderán solicitar ao COPG asesoramento sobre os programas, universais e gratuítos, que desenvolven en Galicia en convenio coa Vicepresidencia da Xunta: un dirixido ás mulleres que sofren a violencia, aos seus fillos/as e familiares; e Abramos o Círculo, para homes que exercen a violencia e que desexan romper con estas actitudes. Pola súa banda, a Fegamp difundirá entre os 313 entes locais galegos, aquelas iniciativas do COPG nas áreas de muller e igualdade e contará coa axuda de psicólogos/as expertos/as nestes eidos para a confección de novas iniciativas.

Concellos #PoloBoTrato

A primeira iniciativa froito da colaboración da Fegamp co COPG é o decálogo Concellos #PoloBoTrato: unha serie de recomendacións e compromisos para combater o sexismo, fomentar a corresponsabilidade e loitar por unha igualdade real entre homes e mulleres. Recoñecendo a gran responsabilidade e capacidade de actuación das entidades locais como administración máis próxima á cidadanía, a Fegamp distribuíu aos 313 concellos e 4 deputacións provinciais un cartel cun decálogo de actuacións para aplicar no ámbito local e promover así unha cultura do bo trato.

Trátase dunha serie de compromisos para que as corporacións locais manteñan unha perspectiva de xénero nas súas diferentes actividades e así contribuír a construír unha sociedade máis igualitaria. Así, deféndese a prevención e o fomento de valores de igualdade nas actividades dirixidas a menores, eliminar o sexismo da linguaxe ou da publicidade, e tamén a ruptura cos roles de xénero tradicionais, fomentando a ética no coidado tanto de menores como de persoas dependentes.

Estas son algunhas das recomendacións incluídas neste decálogo co que se pretende difundir unha cultura do bo trato, fronte á habitual vitimización da muller. A construción dunha sociedade igualitaria é unha responsabilidade conxunta e iso afecta directamente ás administracións locais, como entidades con capacidade de transformar a sociedade. A promoción dunha cultura baseada no bo trato é unha ferramenta preventiva da discriminación histórica por razóns de xénero e, xa que logo, unha ferramenta para loitar contra a violencia de xénero.

galer_a_fotos