A FEGAMP E A CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL COLABORAN PARA MELLORAR OS SERVIZOS SOCIAIS EN GALICIA

Data: 

venres, 10 Agosto, 2018 - 10:00

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, e conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de mellorar a coordinación no eido dos servizos sociais que se prestan na comunidade galega. En concreto a Xunta subvencionará ata un máximo de 17.000 euros en 2018 para investir naquelas accións que sexan precisas para impulsar e reforzar a prestación de servizos sociais comunitarios municipais estreitando a colaboración entre estes e a Xunta de Galicia.

O acordo procurará acadar un maior coñecemento das políticas sociais que prestan os concellos e unha maior coordinación en programas, proxectos e estratexias de inclusión social que está a desenvolver o Goberno galego, realizando ademais un estudo de campo do que se está a facer. A partir do estudo de toda a información recadada, programas tales como a Historia Social Única Electrónica (HSUE) ou o Plan de Atención ás Persoas Sen Fogar de Galicia se verán reforzados. Tamén outros proxectos novidosos dos concellos que a través do seu coñecemento poderán implantarse noutros concellos.

O convenio, subscrito para este ano 2018, espérase que teña continuidade no tempo para acadar unha colaboración continuada e conseguir así, entre todos, que Galicia conte coas mellores políticas sociais e uns servizos de proximidade de calidade.

+INFO: Todo o material da Campaña pode descargarse de forma gratuita para todos os concellos galegos no seguinte enlace http://www.fegamp.gal/content/campana-de-troula-con-sentido-festas-de-ga...