A Fegamp aproba os seus Orzamentos para 2015 cun recorte do 6,45%

Data: 

mércores, 18 Marzo, 2015 (Todo o día)

O Consello Federal da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) aprobou hoxe os seus Orzamentos para 2015, que ascenden a 1.059.778 euros, cunha redución do 6,45% respecto aos do exercicio anterior. Esa rebaixa practicamente duplica á do ano pasado (3,27%) e fai que as contas sexan as máis austeras dos últimos 11 anos.

Desde a chegada de José Manuel Rey Novóa á presidencia da Fegamp, o Orzamento da institución reducíuse ano tras ano, ata un total próximo ao 27%, sen que teñan mermado os servizos que presta ao municipalismo, máis ao contrario, aumentándoos.

Os Orzamentos da Fegamp para 2015 son realistas, con ingresos e gastos equilibrados. Os primeiros, baseados en previsións racionais e datos coñecidos; os segundos, calculados en función das obrigas previstas para o exercicio. 

Cuotas 'conxeladas'
O Consello Federal da Fegamp decidíu hoxe tamén manter invariables por quinto ano consecutivo as cuotas que aboan os asociados á Federación, unha decisión xustificada pola situación financeira que aínda viven algúns concellos galegos, debido aos anos de crise económica, as obrigas de redución do déficit e á necesidade de seguir prestando servizos aos cidadáns, nomeadamente, os básicos.

A Fegamp lembra que esta Federación é a única de España que ten como asociados á totalidade dos concellos (os 314) e das deputacións provinciais (4) da comunidade autónoma.