A Fegamp adhírese á petición de Pacto de Estado pola Infancia promovido por Unicef

Data: 

mércores, 18 Marzo, 2015 (Todo o día)

A Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) aprobou hoxe a adhesión da institución á petición dun Pacto de Estado pola Infancia en España, idea que xurdíu do Comité Español de Unicef e que percura un acordo en España semellante ao que o Goberno aprobara no seu momento a prol dos maiores, o Pacto de Toledo, que blindou as súas coberturas. A Fegamp avala dese xeito unha petición que xa suscribiron máis de 150 organizacións e colectivos e por riba xa dos 97.000 cidadáns.

A Fegamp comparte co Comité Español de Unicef a filosofía de que os nenos, xunto cos maiores, son o colectivo máis indefenso, e que polo tanto, é tamén o que máis sofre as dificultades socio-económicas que se poidan producir: desnutrición, desigualdade ou fracaso e abandono escolar.

A Federación anima aos concellos galegos a sumarse tamén a esa petición de Pacto de Estado e a elaborar un Plan Integral da Infancia (aunar as políticas relacionadas cos nenos de todas as concellarías nun texto e estratexia comúns), necesario para a obtención do selo de recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia.

Os interesados poden descargarse o texto do acordo de adhesión da Fegamp á petición de Pacto pola Infancia na sección 'Acordos' da área 'Documentación' desta páxina web ou acceder a máis información sobre el en www.unicef.es.