A Fegamp abre liñas de colaboración coa Fundación Inade

Data: 

mércores, 15 Xuño, 2016 - 09:30

A Fegamp aprobou abrir unha liña de colaboración coa Fundación Inade, unha organización sen ánimo de lucro dedicada á transmisión de coñecemento en materia de xestión do risco e os seguros. O presidente da Fegamp, Alfredo García e o vicepresidente executivo, Manuel Mirás, recibiron na sede da Federación ao director da Fundación Inade, Adolfo Campos e a Modesto González, responsable de Proxectos, que explicaron as funcións e obxectivos da súa entidade, de cara a abrir vías de traballo conxunto en tres direccións:

- A Fegamp participará o vindeiro 5 de xullo na tribuna "Os roubos nos fogares: Galicia", onde se presentará o primeiro estudo sobre o risco de roubo nos fogares, realizado en todos os municipios galegos. Ademais de realizar a difusión da xornada entre os concellos, o presidente, Alfredo García, inaugurará este relatorio que se celebrará no Hotel Attica 21 da Coruña. A xornada estará presentada por Miguel Ángel Vázquez Burgos, director de estudios de Unespa.

- Traballarase conxuntamente na difusión da información sobre as aportacións económicas que as entidades aseguradoras teñen que facer aos concellos polos servizos de extinción de incendios. Segundo a resolución do 18 de decembro de 2015 da Dirección General de Seguros y Fondos de Pensiones, establécese o procedemento informativo a través do cal as aseguradoras facilitan o importe das primas a percibir polos traballos de reparación derivados de incendios e elementos naturais. A Fegamp desenvolverá labores de comunicación cos distintos municipios, co obxectivo de que non quede ningún en Galicia sen cobrar o que lle corresponde.

- Respecto á preocupación entre os distintos concellos sobre a súa Responsabilidade Civil, constituirase un grupo de traballo para que realice un servizo de asesoramento aos municipios pequenos sobre as súas responsabilidades. A  maiores, a intención é organizar unha xornada de difusión o próximo outono para que asistan os entes locais interesados e redactar un documento tipo con recomendacións para que contraten os seguros coas condicións máis axeitadas.