A Federación informa aos concellos da modificación da xustificación e pagamento das axudas para mellora de camiños municipais

Data: 

mércores, 19 Xuño, 2019 - 13:30
reunión entre fegamp e agader para novidades do plan de camiños

Santiago de Compostela, mércores, 29 de xuño de 2019.- O presidente da Fegamp, Alfredo García, reuniuse en Santiago de Compostela, co director xeral do AGADER, Miguel Ángel Pérez Dubois, o secretario xeral deste organismo, SeverinoÁlvarez Moteserín, e o subdirector de Planificación e Dinamización do Medio Rural, Luis lorenzo Mur. Nesta cita informouse á Federación da modificación do réxime de xustificación e pagamento das axudas correspondentes ao plan de mellora de camiños municipais 2019-2020.

A Fegamp trasladou esta información aos concellos a través dunha circular que a continuación recollemos:

CIRCULAR INFORMATIVA:

MODIFICACIÓN DO RÉXIME DE XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO DAS AXUDAS CORRESPONDENTES AO PLAN DE MELLORA DE CAMIÑOS MUNICIPAIS 2019-2020

Durante o período de instrución da resolución do procedemento, púxose de manifesto a necesidade de ampliar o prazo de execución e xustificación dos investimentos subvencionados con cargo á anualidade 2019, en gran parte debido ás posibles demoras na tramitación dos procedementos contractuais como consecuencia da renovación dos órganos de goberno municipais logo da celebración das pasadas eleccións municipais. Por outra banda, cómpre prever a posibilidade de tramitar pagamentos anticipados no marco da citada anualidade, co fin de atender as necesidades financeiras dos concellos no marco da execución das actuacións subvencionadas.

Polas razóns expostas, está prevista a modificación dos artigos 12 e 13 do anexo I da Resolución do 28 de decembro de 2018 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020, coa finalidade de:

  1. Ampliar o prazo de execución e xustificación dos investimentos correspondentes á anualidade 2019 ata o 30 de decembro de 2019
  2.  Prever a posibilidade de conceder anticipos con cargo á anualidade 2019, logo da solicitude do concello beneficiario, nas seguintes condicións: 
    1. A data límite para solicitar o pagamento anticipado será o 16 de setembro de 2019 
    2.  O importe máximo do pagamento anticipado será de ata un 50% da subvención concedida, sen que supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario
    3. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada

3. Para solicitar o anticipo, AGADER colgará o anexo de solicitude na súa páxina web ao tempo que dende a Fegamp faremos comunicación aos concellos.

4. Sinalar que as cantidades que non se xustifiquen este ano, non só se perderán para cada concello senón que tamén se verá modificada a cantidade xeral para o ano 2020.

A Circular e a información complementaria pode consultarse tamén na páxina web da Fegamp www.fegamp.gal