Facenda acepta o requirimento da Fegamp e aportará 5 millóns de euros aos concellos galegos

Data: 

martes, 25 Outubro, 2016 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias valora de xeito positivo que se corrixa o desaxuste detectado na liquidación da Participación de Ingresos do Estado (PIE) practicada en xullo e que restaba arredor de 5 millóns de euros aos concellos e deputacións galegas.  A Fegamp presentara un escrito ante o  Ministerio de Facenda alertando de que as contías aos concellos se vían afectadas pola devolución do céntimo sanitario, cando este imposto beneficiou en exclusiva ás comunidades autónomas.

Facenda confirmou hoxe que vai recalcular os índices, co que a Fegamp estima que Galicia recibirá 2,5 millóns de euros para as deputacións provinciais, 1,1 millóns de euros para os concellos en réxime de cesión (as grandes cidades menos Ferrol*) e 1,5 millóns de euros para o resto de municipios. O Ministerio explicou ademais que a corrección aplicarase para todos os entes locais españois en xeral, non só para os que presentaran demanda. A Fegamp contou nos trámites de reclamación coa colaboración do Cabildo de Fuerteventura e da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias).

A devolución do “céntimo sanitario”

O coñecido como “céntimo sanitario”, o Imposto sobre Vendas Minoristas de Determinados Hidrocarburos (IVMDH),  foi un tributo aprobado en 2001 polo executivo central. Tratábase dun gravame finalista: cedíase de xeito íntegro ás comunidades autónomas para que afrontaran a cobertura dos gastos en materia de sanidade.

 Aínda que o Estado acabou integrándoo en 2012 no Imposto de Hidrocarburos, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea declarouno nulo en 2014. Deste xeito, o Estado vese obrigado a retornar as contías reclamadas polos cidadáns, empresas e administracións. Na última PIE practicada, os concellos resultaban prexudicados por estas devolucións, cuestión reclamada pola Fegamp ante Facenda.

*Ferrol ao baixar de 75.000 habitantes e non ser capital de provincia entra no chamado Réxime de Variables.