Convenio Fegamp-Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia para prácticas nos concellos e deputacións

Data: 

mércores, 15 Abril, 2015 (Todo o día)

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), José Manuel Rey Varela, asinou un convenio marco co decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Oriol Sarmiento Díez, que permitirá a realización de prácticas formativas remuneradas nas deputacións provinciais e nos concellos galegos a titulados desa especialidade en situación de desemprego. O convenio ten o dobre obxectivo de facilitar a adquisición de experiencia profesional aos enxeñeiros industriais titulados, o que fará máis doado logo a súa incorporación ao mundo laboral; e segundo, que eses profesionais aporten aos concellos e ás deputacións os seus coñecementos, o que contribuirá á mellora da eficacia na xestión municipal. Os bolseiros disfrutarán de entre 3 e 6 meses de prácticas, cunha remuneración (que aportarán os concellos e deputacións) de 1.000 euros brutos ao mes.

Os municipios ou deputacións interesadas deberán adherirse individualmente ao convenio marco, que entrará en vigor ao día seguinte da súa sinatura. O Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia divulgará logo as prazas que oferten as entidades locais e seleccionará aos bolseiros, baseándose nos criterios de publicidade, igualdade, obxectividade e méritos. Por último, cada bolseiro (que contará cun tutor académico designado polo Colexio) formalizará a súa relación co concello/Deputación no que vaia realizar as prácticas a través dun documento (Anexo III do convenio).

A Fegamp comprométese a divulgar entre os seus asociados a existencia e interese deste convenio marco, semellante aos que a Fegamp asinara co Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia e co Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, o 14 e o 21 de xaneiro pasados, respectivamente.

Os concellos interesados en adherirse a este convenio marco poden descargalo íntegramente no apartado 'Documentación', sección 'Convenios' desta páxina web.