CANCELADA - SUBVENCIÓNS PARA ACTUACIÓNS DE MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS TURÍSTICAS NO MEDIO RURAL PARA O ANO 2020.

Data: 

sábado, 30 Novembro, 2019 (Todo o día) a luns, 30 Decembro, 2019 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia

Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU501B). BDNS (Identif.): 483428.

Obxecto

O fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos no medio rural cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, as seguintes tipoloxías de entidades locais:

a) Concellos.

b) Mancomunidades e consorcios locais constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.

c) Agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención aplicable por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Esta agrupación non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

2. Non poderán participar nesta convocatoria as sete grandes cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, nin as entidades locais de carácter supramunicipal en que estean integradas.

3. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

Actuacións subvencionables

1. Ao abeiro desta resolución, son subvencionables as seguintes accións:

a) Actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos da entidade solicitante, que poderán incluír:

– Recuperación e tratamento paisaxístico do contorno dos recursos turísticos.

– Iluminación ornamental dos recursos turísticos, xa sexa primeira instalación ou mellora, ampliación ou substitución da existente. Non será subvencionable a iluminación urbana da entidade local.

– Recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros, rutas ou outros elementos de interese turístico.

– Adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes cuxa finalidade sexa reducir o impacto negativo que estes producen.

b) Actuacións de embelecemento dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado, así como as que afecten o seu contorno de protección. Estas últimas poderán consistir en:

– Embelecemento de vías.

– Ocultamento de colectores de residuos.

– Eliminación de cables aéreos e antenas de comunicacións.

c) Actuacións de posta en valor turístico dos recursos, que poderán incluír as seguintes:

– Rehabilitación ou restauración para a súa dedicación a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas.

– Recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.

d) Actuacións de mellora da accesibilidade dos recursos turísticos:

– Eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso aos bens, recursos e rutas turísticas.

– As destinadas a facilitar o acceso das persoas con algún tipo de discapacidade sensorial á información turística dos recursos.

En todo caso, deberá cumprirse a normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas.

e) Sinalización dos recursos turísticos:

A sinalización poderá comprender tanto a primeira instalación como a substitución da existente nos camiños e nas estradas das redes locais, provinciais e autonómica, así como nos núcleos urbanos cando esta se atope deteriorada ou obsoleta nos seus contidos e/ou imaxe.

So será subvencionable a sinalización turística, que é a referida exclusivamente aos recursos e servizos turísticos.

Os paneis interpretativos deberán utilizar materiais resistentes ás inclemencias meteorolóxicas e ao vandalismo e deberán harmonizar co contorno en que se instalen.

Os materiais e características da sinalización deberán cumprir o disposto no manual oficial de sinalización turística da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 85/2012, do 16 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo), os correspondentes manuais de homologación de sendeiros conforme a normativa da Federación Galega de Montañismo e a sinalización deseñada pola Axencia Turismo de Galicia para os centros BTT.

2. Só serán subvencionables as obras que utilicen materiais construtivos que permitan a integración harmónica e respectuosa co contorno en que se atopa o recurso. Neste senso, deberá evitarse o uso de asfalto ou de formigón cando visualmente non se acomoden esteticamente co medio.

Importe

As subvencións obxecto desta convocatoria imputaranse á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.760.0, proxecto 2016 00002, cun crédito de 1.200.000 €, financiado con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Descargas: