AXUDAS A INVESTIMENTOS NON PRODUTIVOS VINCULADOS Á REALIZACIÓN DE OBXECTIVOS AGROAMBIENTAIS E CLIMÁTICOS NO ÁMBITO DOS PARQUES NATURAIS DE GALICIA. PRAZO: 15-02-2018

Data: 

martes, 16 Xaneiro, 2018 (Todo o día) a xoves, 15 Febreiro, 2018 (Todo o día)

 

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio 

ORDE do 21 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2018 e 2019 das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. BDNS (Identif.): 380986.

Obxecto

1. O obxecto desta orde é regular as bases do réxime de axudas dirixidas a restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nas zonas Natura 2000, os sistemas agrarios de alto valor natural, así como mellorar o estado das paisaxes agrarias galegas dentro dos espazos protexidos ou nas súas áreas de influencia socioeconómica por medio de proxectos que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos e para o mantemento das condicións ambientais necesarias dirixidas á conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats. Incluiranse axudas destinadas a investimentos non produtivos necesarios para atinxir obxectivos ambientais, é dicir, investimentos que non dean lugar a un aumento significativo do valor ou a rendibilidade das explotacións agrícolas ou que contribúan á mellora do carácter de utilidade pública das zonas rede Natura 2000 pertencentes aos parques naturais.

Así mesmo, convócanse as axudas correspondente aos exercicios orzamentarios dos anos 2018 e 2019 en réxime de concorrencia competitiva (procedemento MT819A).

2. Para os efectos desta orde, entenderase por área de influencia socioeconómica do parque natural todo aquel municipio que teña toda ou parte da súa superficie dentro dun parque natural.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

a) As persoas titulares de terreos agrícolas e forestais privados, entendendo por titulares tanto persoas físicas como xurídicas propietarias ou arrendatarias, preferiblemente residentes en zonas rurais situadas dentro do parque natural, ou xestores de terras que realicen investimentos non produtivos necesarios para alcanzar os compromisos adquiridos baixo programas agroambientais ou outros obxectivos ambientais na rede Natura 2000, ou aqueles que realicen investimentos nunha explotación que reforce o carácter de utilidade pública dunha zona Natura 2000 ou outras áreas de alto valor natural.

b) Os concellos que teñan toda ou parte da súa superficie dentro do parque natural na súa condición de xestores de elementos comúns da paisaxe agraria.

c) As asociacións ambientalistas e de custodia do territorio que sexan propietarias ou arrendatarias de terras agrícolas incluídas en áreas elixibles.

d) As empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios en que se sitúe o parque natural constituídas con anterioridade á publicación desta orde, con prioridade para aquelas con domicilio fiscal dentro do parque natural, e que sexan propietarias ou arrendatarias das terras para as cales se solicita a axuda.

2. Só se admitirá unha solicitude e proxecto por solicitante.

3. En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ámbito territorial

Para os efectos do seu financiamento a través do PDR 2014-2020, as axudas desta convocatoria aplicaranse a proxectos que se desenvolvan no ámbito territorial definido polas zonas rurais (ZPP) ou intermedias (ZIP) dos parques naturais de Galicia e as súas áreas de influencia, conforme a clasificación establecida polo grao de urbanización a nivel de parroquia [fonte: Instituto Galego de Estatística: Clasificación do grao de urbanización das parroquias (GU 2016)]. Deben considerarse non admisibles as actuacións en parroquias definidas como densamente poboadas (ZDP) recollidas no anexo X.

En ningún caso se financiarán actuacións en solo forestal que estean previstas na medida do artigo 25 do Regulamento (UE) nº 1305/2013.

Contía

1. Crédito total de la convocatoria: 1.487.726 euros. Este importe poderase modificar ou incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Concederase o 100 % do custo subvencionable, cun importe máximo de 40.000 euros/proxecto no caso do que o beneficiario sexa un concello e de ata 12.000 euros no caso dos beneficiarios das alíneas a), c) e d).

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Descargas: