200 técnicos e especialistas asisten á primeira xornada sobre políticas de saúde no eido local

Data: 

martes, 4 Outubro, 2016 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias e a Xunta de Galicia celebraron hoxe en Santiago de Compostela a primeira edición da xornada “A Saúde en todas as políticas. O seu desenvolvemento no ámbito local”. Expertos en saúde de todo o Estado presentaron os seus proxectos ante máis de 200 asistentes interesados na materia: alcaldes/as e edís dos concellos galegos, técnicos/as das áreas locais relacionadas coa saúde (sanidade, deporte, medio ambiente, servizos sociais,  educación...), persoal médico e de enfermería e a membros e representantes das deputacións provinciais, o goberno galego e os distintos grupos parlamentarios.

A iniciativa formativa celebrouse ao longo de todo o día na sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O acto foi inaugurado polo presidente da Fegamp, Alfredo García; o conselleiro de Sanidade en funcións, Jesús Vázquez e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete.  Alfredo García valorou o alto número de inscricións e destacou o maior peso que teñen as políticas de saúde en todas as administracións, en especial a local: “Os veciños e veciñas trasládannos esa demanda e nós debemos ofrecer estes servizos coa maior calidade e proximidade posibles”.

Cunha conferencia de apertura, tres mesas de debate e inscrición gratuíta, o programa puxo en valor o abano de accións e políticas intersectoriais que repercuten na saúde, o benestar e a calidade de vida dos cidadáns e cidadás.